En Cee, no verán Ler Conta Moito
As nenas e nenas de Cee desfrutaron durante tres xornadas da programación de Ler Conta Moito 2023. A Biblioteca Francisco Mayán programou tres actividades ó mediodía os días 26, 27 e 28 de xullo.
Comenzamos o mércores 26 con 1,2,3 A Contar: Trémola: A gran aventura dos animais.
Nesta sesión de contos, Emilia, unha gata moi moi curiosa, xa está farta de facer sempre o mesmo polo que cansa disto, decide emprender unha viaxe en autobús, acompañada de todos os nenos e nenas presentes. A través de diferentes historias de animais, Emilia transportounos por diferentes cidades, nas que viviu diferentes aventuras, facendo partícipe ó numeroso público asistente e lembrándolle que aínda que estemos de vacacións, os libros son os perfectos compañeiros para vivir grandes aventuras.
Seguimos o xoves 27 con Fran Campos: Fazulas, o ladrón de paraugas.
Este espectáculo mergúlounos no eido da curiosidade infantil, cando os cativos se erixen en exploradores do mundo comezando o camiño da súa aprendizaxe. Tamén trata de sensibilizalos en temas como a violencia machista, os conflitos bélicos ou a indefensión que sofren estes en moitos países do terceiro mundo. Un espectáculo que mesturou títeres, música e narración oral facendo pasar unha divertida mañá ós asistentes.
E como colofón, o venres 28, Tarabela Creativa engaiolou ós nenos e nenas con Astrolabios.
“Astrolabio” significa “buscador de estrelas”. Durante unha hora, nenas, nenos e acompañantes convertíronse en buscadores de estrelas nunha viaxe ao espazo exterior. Nesta sesión fíxose un percorrido para coñecer o ceo dende as diferentes culturas, mitos e lendas da Terra.
Grazas a estas historias, poidemos descubrir o deserto de Namibia, os pobos maia e azteca, viaxamos ata os aborixes australianos, ata os indios americanos, cruzamos a China ou ata a tribo dos Batammalibas. Aprendemos un monton de cousas sobre a lúa e o Sistema Solar, as nebulsas…. Non hai cohete que nos leve máis lonxe e que sexa máis ecolóxico que os contos, e Tarabela amosounos con este fermoso espectáculo a lectura pode levarnos a onde queiramos, tamén no verán.
Séguenos