“Riciños de Ouro e os tres osos” visitaron a biblioteca municipal de Brión (A Coruña)






A B.P.M. de Brión celebrou o Día das Bibliotecas cunha actuación a cargo do grupo “Glup, Glup Teatro, que presentou na sala infantil da biblioteca a obra “Catalina, Lino, Lina”, un espectáculo teatral destinado a fomentar o amor polos libros e a lectura entre os nenos de 3 a 10 anos de idade.
Catalina Lino Lina, farta de agardar a que alguén abra as páxinas do libro no que habita para poder cobrar vida, decide escapar para vivir as súas propias aventuras. Unhas divertidas historias que a protagonista compartiu cos máis pequenos durante pouco máis de 45 min.
A representación celebrouse o día 23 de outubro ás 17:30 h. A ela asistiron algo máis de trinta persoas, entre nenos e adultos acompañantes. Os pequenos interactuaron activamente con Catalina, participando con interesa nos contos e historias narrados pola rapaza que habita nos libros.
O espectáculo estivo organizado pola B.P.M. de Brión co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia.

Inacio Vilariño presentou o venres 22 de maio na B.P.M. de Brión o espectáculo conta contos “A Nao Catrineta”. Un divertido serán cheo de historias nas que se mesturan saberes tradicionais, cancións, contos populares e o romance histórico da Nao Catrineta.
Á sesión conta contos, que estibo dirixida a nenos/as maiores de tres anos, acudiron uns 18 meniños acompañados por 14 adultos. A actividade celebrouse, como ven sendo habitual, na sala infantil da biblioteca. Comezou pasadas as 17:30 h. e estendeuse aproximadamente unha hora.
A sesión de animación, organizada pola biblioteca municipal dentro da programación da XXV Feira do Libro de Brión-Maio Cultural 2015, contou co patrocinio do programa de dinamización lectora “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia.


Dentro das actividades programadas para conmemorar o Día do Libro 2015, a biblioteca pública municipal de Brión organizou un serán conta contos a cargo de Raquel Queizás, que presentou o espectáculo “A maleta da avoa”. Unha divertida sesión con historias dirixidas a nenos e nenas maiores de 3 anos de idade, con obxectos e monicreques.
Esta actividade foi patrocinada polo programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia e celebrouse na sala infantil da biblioteca municipal cunha asistencia duns 26 persoas, entre nenos e adultos.
![]() |
![]() |
O venres 27 de marzo a biblioteca municipal celebrou o Día Mundial do Teatro co “Misterio do pirata Benito Soto”, unha actividade de dinamización dirixida a nenas e nenos a partires de tres anos de idade. Unha historia de misterios homenaxe a Sir Arthur Conan Doyle e ao patrimonio galego, que mesturou a oralidade coa ilustración, interactuando cos pequenos a través dun obradoiro de debuxo.
O encargado deste divertido conta contos foi “Polo Correo do Vento”, un colectivo especializado en actividades de promoción da lectura, comprensión oral en galego e desenvolvemento da creatividade e expresión artística das nenas e nenos. O serán lúdico, organizado pola BPM de Brión a través do programa da Rede de Biblioteca de Galicia “Ler conta moito”, acadou unha elevada de asistencia, cunha participación de arredor de 50 persoas, entre nenos e país.
A Feira do Libro de Brión-Maio Cultura 2014 recibiu hoxe, mércores 21 de maio, ao Grupo Ouriol, que presentou o espectáculo “Nimbos” , un recital de poesía arredor da obra de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano.
Coa poetisa Eva Veiga á cabeza, o grupo recibiu no auditorio do Centro Social de Brión a un grupo de case 80 rapaces do IES de Brión que cursan 4º da ESO e 1º de Bacharelato. A sesión comezou cunha pequena introdución sobre a figura de Díaz Castro, ao que seguiu o recital propiamente dito. Os versos do poeta, na voz de Eva Veiga, estiveron acompañados pola música executada en directo polo resto dos integrantes da formación. De fondo, unha interesante proxección con imaxes da obra do coñecido pintor noiés Alfonso Costa ilustraron as estrofas saídas da pluma do autor de “Nimbos”.
O recital, que se estendeu aproximadamente uns 35 min., finalizou coas palmas do auditorio. Segundo nos contou un dos profesores acompañantes, o grupo de escolares traballarán agora na obra deste autor dentro da materia de Lingua galega e Literatura.
A Feira do Libro-Maio Cultural 2014 continúa coa súa programación conmemorativa do mes das nosas letras. Nesta ocasión foi o coñecido actor Avelino González quen presentou en Brión o seu espectáculo “Contos literarios”, que estivo especialmente dirixido aos alumnos e alumnas de 2º da ESO do IES de Brión. Ler máis →

Tim Bowley e Charo Pita
O luns 12 de maio iniciáronse as actividades dirixidas aos nenos e nenas dos diferentes niveis educativos do municipio, contempladas dentro da máis ampla programación da Feira do Libro de Brión – Maio Cultural 2014. Da man de Tim Bowley e Charo Pita, os rapaces de 1º Ciclo da ESO do IES de Brión asistiron a “Dúas linguas, unha historia” unha divertida sesión conta contos en inglés e galego.
Ao auditorio do Centro Social Polivalente, lugar onde se celebrou a actividade ao non contar a biblioteca cun espazo axeitado, acudiron aproximadamente uns 60 rapaces e rapazas acompañados por catro profesores que durante unha hora gozaron das historias narradas en inglés polo “storyteller” Tim Bowley e traducidas por Charo Pita. Contos de diferentes partes do mundo que espertaron a curiosidade dun auditorio moi entregado e con gañas de participar, como así o demostraron no conto do “Pirata a serea e o mago feo”.
Tim Bowley leva narrando historias por todo o mundo dende hai máis de 25 anos. Ademais como escritor ten libros para todas as idades en editoriais como Kalandraka, OQO, Raíces e Palabras del Candil. Charo Pita tamén é narradora de historias e escritora. Ámbolos dous levan traballando con éxito en actividades de narración e animación lectora en bibliotecas e institutos de ensino secundario dende o ano 2006.


Séguenos