Os nenos da Biblioteca Pública Municipal de Ponteareas pasárono fenomenal con “Contos para todos”
Esta actividade, que xiraba arredor dun relato oral dun conto, contaba coa axuda da maxia e os títeres para engailar a todos os nenos presentes, que quedaron abraiados coa aparición nun libro en branco, dos debuxos e as historias. Nesta actividade, que tivo lugar o día 30 de maio, participaron máis de 25 nenos.
O día 23 de maio, os nenos e nenas de Ponteareas puideron gozar dunha nova sesión de contacontos, titulada “Violeta, a carteira bolboreta”, dentro das actividades de animación á lectura programadas pola Biblioteca Pública Municipal de Ponteareas, e dentro do programa LER CONTA MOITO, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para as Bibliotecas pertencentes á Rede de Bibliotecas de Galicia.
A actividade “Violeta a carteira bolboreta” consistiu nunha exposición oral dun conto e, ao mesmo tempo, o ilustrador ía debuxando un mural sobre o conto e os protagonistas. Ao final os nenos aprenderon a facer o debuxo dun personaxe do conto. Asistiron aproximadamente 30 nenos, con algúns pais e nais, que o pasaron fenomenal.
O día 10 de maio, dentro das actividades do “Mes de Maio, Mes das Letras”, e dentro do programa Ler Conta Moito, os ponteareáns e ponteareás tiveron puideron coñecer un pouco máis a vida e obra da figura homenaxeada co Día das Letras Galegas, ano 2013.
A este acto foran convidados pola Biblioteca Pública Municipal, e polo Servizo de Normalización Lingüística, todos os asistentes á biblioteca e todas as persoas relacionadas co mundo da cultura. Consistiu este evento nunha escenificación dun dos cadros de “Saxo tenor”, de Roberto Vidal, a cargo da actriz Laura Ponte, impulsora xunto con el, da primeira compañía profesional do teatro galego, Teatro Antroido, e compañeira de viaxe no aspecto persoal e profesional.
A continuación da escenificación, Roi Vidal, fillo do homenaxeado e de Laura Ponte, achegoulle ao público asistente a figura de Vidal Bolaño dun xeito vivencial e profesional, descubrindo un traballador incansable pola cultura, pola sociedade e pola lingua.
O acto contou coa presenza de aproximadamente cen persoas, que quedaron marabillados coa representación e que se achegaron a Vidal Bolaño dun xeito moi ameno e no que houbo unha constante interrelación co público asistente, algúns deles coñecedores persoais do homenaxeado.
O xoves , día 9 de maio, dentro do programa de animación á lectura LER CONTA MOITO, programado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, os nenos de Ponteareas, así como os pais que quixeron, puideron gozar dun contacontos, titulado “Animaliños”, no que os nenos aprenderon a respectar o medio que nos rodea e a somerxerse nos contos tradicionais de animais. Así mesmo, os nenos que asistiron, aproximadamente 25, puideron ver e escoller da biblioteca infantil algún libro que lles interesase sobre animais ou outros temas.


Séguenos