Día 20 de outubro de 2017 das 10 da mañá ata a medianoite, na biblioteca de Escairón
O día 24 celébrase o Día da Biblioteca, e na biblioteca, debido ó éxito acadado en anteriores edicións (esta é a cuarta), decidimos adiantar a celebración ó venres e non pechar en todo o día. Así tivemos actividades de moi diverso contido, empezando con visitas escolares ó longo de toda a mañá e non rematando ata a medianoite.
Ás 10:00 chegou o primeiro dos grupos escolares (4º, 5º e 6º de Infantil do colexio de Escairón) e ás 11:15 chegou o grupo da Escola Infantil Municipal, que viñeron coñecer a biblioteca e que se entretiveron e divertiron cos contos prohibidos Hola, cartero, Pezzettino ou Soy el más guapo.
Ás 12:00 chegaron os alumnos de 1º, 2º e 3º de Primaria e ás 12:45 os de 4º, 5º e 6º de Primaria, que despois de repasar o aprendido sobre O Saviñao na visita do ano pasado (fixemos exame e non se libraron tampouco os profes, que xa están avisados para a próxima), continuaron vendo como é que un libro pasa a formar parte do fondo da biblioteca e se pón a disposición do público: como lle poñemos o identificador de código de barras para facer o empréstito no novo Sistema de Xestión Bibliotecaria. Por grupos, identificamos e etiquetamos varios libros da sección xuvenil, que xa están colocados onde lles corresponde. Ademais aproveitamos para recordar que había máis actividades pola tarde.
De 14:00 a 17:00 reservamos tempo para as visitas guiadas á biblioteca.
Ás 17:00 a nosa primeira sesión “oficial” de Contos Prohibidos da tarde, na que cada quen mirou e remirou os títulos que temos dispoñibles.
Ás 18:30 (despois da merenda) coñecemos A superavoa de Antón da Organización Meu Rei (que colabora coa Fundación Meniños de Galicia)(a partir de 3 anos e público familiar), que rematamos cun obradoiro artístico. Un breve resumo é este:
Toda a tarde estivo chea de contos, moitos deles que foron prohibidos. No obradoiro d’A superavoa de Antón, creamos unha chea de personaxes en pedra entre a hora da merenda e a da cea!
Ás 19:30 a segunda sesión sesión “oficial” de Contos Prohibidos durante a que vimos novamente Hola, cartero, Orellas de bolboreta, e outros varios que representamos por grupos: Pezzettino (en italiano), Mi perrito quiere bailar ballet, ou Soy el más guapo.
Ás 20:30 Xogos por equipos e unha apetitosa cea para que a fame non acabara coas ganas de diversión.
Ás 22:00 vimos que As cousas pequenas contan (do repertorio do programa Ler conta moito). Con el soubemos que calquera obxecto nos pode servir para crear personaxes e inventar historias. Coas historias inventadas durante o obradoiro fixemos un precioso conto!
A partir das 23:00 relaxámonos con música e baile, e non faltou o karaoke!
As cousas pequenas contan leváronnos a inventar personaxes e historias, coas que se fixo un libriño que podedes atopar na biblioteca. Rematamos con baile e karaoke.
A medianoite despedímonos con poucas ganas de marchar para a casa.
Esperamos que o pasarades moi ben e que sigades con ganas de visitar a vosa biblio. Nós xa estamos pensando a ver como o celebramos o ano que vén.
Agradecemos de corazón a participación nas actividades e alegrámonos de que o pasarades tan ben que non quixerades marchar para a casa.
Caxoto Contacontos visitou esta tarde a biblioteca municipal de Brión cos seus “Contos de medo que deixan durmir” na equipaxe. Un espectáculo de animación dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 8 anos de idade que durante 60 min. divertiu por igual a pequenos e grandes.
O serán conta contos celebrouse ás 18:00 h. na sala infantil da biblioteca, un espazo que resultou pequeno ante unha afluencia de nenos e pais como hai tempo non se vía. Máis de 50 nenos e nenas participaron na sesión de animación, sen contar aos adultos, que na súa maioría tiveron que esperar na sala principal ao completarse o aforo da sección infantil.
Co tema do medo como protagonista, Caxoto combinou no espectáculo narración, música e xogo, interactuando en todo momento co público para converter os temores dos pequenos en algo do que rirse e co que divertirse. Todo grazas a fantasía dos contos e a imaxinación dos espectadores.
Unha actividade coa que a B.P.M. de Brión se une á celebración do Día da Biblioteca, unha efeméride que quere trasladar á opinión pública a importancia das bibliotecas como punto de encontro de lectores de todas as idades coa cultura, e coma un instrumento de mellora da formación e convivencia. A sesión conta contos contou co apoio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
Que mellor maneira de celebrar o Día da Biblioteca que rodeados de bos libros, boa música e boa compañía. Así aconteceu a tarde do 24 de outubro na Biblioteca Municipal do Pereiro de Aguiar. Tanto os cativos como os non tan cativos, pasaron un ratiño moi divertido coñecendo instrumentos musicais, cantando, descubrindo versións moi divertidas da coñecida A Saia da Carolina, escoitando música con instrumentos feitos con materiais de refugallo, … resumindo, desfrutando dun espectáculo moi musical, participativo e entretido.
Séguenos