Novas xornadas informativas con usuarios de Cerdedo-Cotobade
Técnicos responsables da redacción dos Plans Municipais de Abastecemento Autónomo de Galicia desprazáronse o pasado mes de febreiro ata o municipio de Cerdedo-Cotobade para reunirse con usuarios de traídas de autoabastecemento deste municipio, dentro dos encontros que se veñen mantendo no marco deste programa.
O primeiro encontro tivo lugar o día 7 de febreiro en Cerdedo e o segundo foi o día 8 de febreiro en Cotobade. Nos dous casos houbo un alto grao de participación e implicación por parte dos ususarios. En Cerdedo asistiron representantes de 12 das 13 traídas convocadas, cun total de 24 persoas. Pola súa banda, en Cotobade asistiron representantes de 21 das 23 traídas convocadas, cun total de 40 persoas.
Os encontros estruturáronse da seguinte maneira:
- Presentación a todos os asistentes do resumo de traballos de documentación e análise realizados nas traídas de autoabastecemento de Cerdedo-Cotobade.
- Reunións personalizadas cos propietarios e usuarios de cada traída. Nas reunións realizadas entregáronse os informes que recollen propostas de mellora de cada traída e explicouse de maneira pormenorizada a problemática observada en cada unha, os resultados das analíticas das augas e as propostas de solución previstas, adxuntando os planos e orzamentos correspondentes. Escoitáronse as tamén as achegas e impresións dos usuarios, que se recollerán nun informe refundido.