Oia acolle a xornada de presentación final do plan de autoabastecemento para o municipio

O centro sociocultural de Pedornes, no Concello de Oia, acolleu o psado 28 de marzo a xornada final de presentación do plan de abastecemento autónomo para este término municipal. O encontro celebrado entre técnicos municipales e de Augas de Galicia e usuarios e usuarias das traídas de autoabastecemento puxo punto e final ao proxecto de estudo e diagnose para este municipio.

Neste acto presentáronse as conclusións relacionadas cos sistemas de autoabastecemento do municipio de Oia aos representantes das traídas veciñais e aos membros da corporación local, xa que os dous son axentes clave para o desenvolvemento das actuacións de mellora e mantemento destas instalacións.

O evento contou coa asistencia total de 28 persoas, que representaban a un total de 18 traídas de abastecemento autónomo.

Entre os asistentes a nivel institucional estaban a alcaldesa de Oia, Cristina Correa, e o xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira; acompañados pola axente de emprego e desenvolvemento local AEDL, Raquel Pérez. Por parte de Augas de Galicia fíxose entrega ao Concello de Oia da documentación correspondente ao Plan de Abastecemento Autónomo do municipio, que funcionará como ferramenta de planificación dos sistemas autónomos durante os vindeiros anos.

Os traballos desenvolvidos en seis concellos seleccionados, no marco dos Plans Municipais de Abastecemento Autónomo de Galicia, ten suposto un importante paso á hora de coñecer e avaliar os sistemas de abastecemento autónomo que funcionan en Galicia. O obxectivo é ofrecer aos xestores e usuarios destas traídas os coñecementos e plans axeitados para garantir un abastecemento seguro e sostible.