A Obra

Ata onde pode levar a fidelidade a un amor que non é correspondido? Lucía, nova arquitecta, non desiste da súa fidelidade. Concibiu un xardín despexado, composto tan só por fina area ben alisada e unhas poucas pedras, na antiga casa dos seus pais, o fogar que abandonou en tres ocasións e ao que regresou sempre a petición de Mateo, o seu amor imposible e con quen, sen ser o seu irmán de sangue, creceu desde a infancia. É a el a quen Lucía lle dedica este xardín zen que a familia se dispón a inaugurar cando Mateo anuncia que vai casar con outra muller, Paula.

A partir dese momento, Lucía desiste de comer; decide abandonarse disolvéndose na vida por inacción. Nunha espiral de dor, desleixo e baleiro péchase os outros. Ignorando os seus sentimentos, a familia intenta comprender o enigma. Mariana, a avoa, resolveu o misterio desde moi cedo. Coa sabedoría que propicia a idade, aconsella ao fillo: “Se oímos ben, respiramos mellor”. Pero na casa, ninguén a escoita. Mais a vida continúa e o xardín… suspenso.

A peza indaga nas relacións familiares e confróntanos co poder das palabras simples, esas que xorden case sen nos decatar e que, á mínima fenda, rematan convertidas en coitelos letais

En Xardín suspenso, Abel Neves asina un texto aparentemente simple pero que adquire unha enorme complexidade, pois é unha historia da nosa condición humana. O dramaturgo portugués indaga nas relacións familiares e no microcosmos no que se sostén a nosa (in)felicidade. E confróntanos co poder das palabras simples, esas que xorden case sen nos decatar e que, á mínima fenda, rematan convertidas en coitelos letais. Palabras coas que prometemos o imposible e coas que defraudamos as expectativas. Palabras que, de súpeto, xa non serven pois xa non hai ninguén que as poidan oír.

Odio, amor, rabia, frustración, impotencia, medo, dúbida… son algunhas das emocións que desfilan por este xardín suspenso, por este labirinto onde se confrontan os personaxes, contrapoñendo razóns e emocións que descoñecen ou non entenden, nun diálogo de xordos.

Xardín suspenso gañou en 2009 a terceira edición do concurso teatral máis importante da lusofonía: o Prémio Luso-Brasileiro de Dramaturgia António José da Silva, unha iniciativa conxunta do Instituto Camões de Portugal e da Fundação Nacional de Artes – Funarte de Brasil. Ademais da publicación do libro, esta distinción levaba consigo a posta en escena do texto nunha coprodución luso-brasileira. O espectáculo estreouse no Teatro Nacional Dona María II en abril de 2010 con dirección escénica de Alfredo Brissos.