Candido Pazó

O Director

Autor, director de escena, narrador oral e actor, Cándido Pazó comeza a súa actividade profesional en 1975. Vincúlase ao nacente movemento teatral de Vigo e de Galicia, sendo un dos “benxamíns” das xeracións xurdidas arredor dos primeiros encontros da histórica Mostra de Ribadavia. Membro fundador da compañía A Farándula, traballa en todos os seus espectáculos ata a disolución da agrupación viguesa en 1983.

Complementa o seu autodidactismo cunha formación fragmentaria na que cabe destacar o seu contacto parisiense con Philippe Gaulier, que marca claramente a súa poética e o seu concepto da posta en escena e a dirección de actores.

Logo dunha etapa de actor ou axudante de dirección en diversas compañías e no CDG, debuta como autor e director de escena con O melro branco (Premio Xeración Nós de Teatro Infantil, 1989), peza representada pola súa compañía Tranvía Teatro. A partir de entón, escribe, dirixe ou fai adaptacións para varias compañías, especialmente Ollomoltranvía (resultado da fusión da súa compañía con Ollomol en 1993) pero tamén en Teatro do Malbarate, Teatro do Xalgarete, Títeres Tanxarina, Teatro do Noroeste, Teatro do Atlántico, Talía Teatro, o Centro Dramático Galego ou Teatro de Adro.

Entre outros dos moitos espectáculos dos que foi autor ou director escénico destacan: Commedia, un xoguete para Goldoni (espectáculo de commedia dell’arte que recibe o premio Compostela 1993 ao mellor espectáculo, dirección e actor protagonista); Raíñas de pedra; Nau de amores, espectáculo montado a partir de textos de dezaseis obras de Gil Vicente e producida polo CDG; Nano, monólogo a partir de textos da novela Tic Tac de Suso de Toro, (Premio María Casares 1998 á mellor adaptación, dirección e actor protagonista); O bululú do linier (Premio María Casares 2000 ao mellor texto orixinal); ÑikiÑaque (Premio Max 2002 ao mellor texto orixinal en galego); Binomio de Newton; Bicos con lingua, escrito con outros autores (Premio María Casares 2004 ao mellor texto orixinal); García (Premio María Casares 2006 ao mellor texto orixinal); Emigrados (Premio Max 2008 ao mellor texto orixinal en galego); A piragua (producido polo CDG e Premio María Casares 2008 ao mellor texto orixinal); ou E ti quen vés sendo?

En 2008 fundou a compañía Abrapalabra Creacións Escénicas para presentar os espectáculos que el mesmo escribe, dirixe ou protagoniza, e coas que puxo en escena Memoria das Memorias dun neno labrego -adaptación do mítico libro de Xosé Neira Vilas para celebrar o 50 aniversario da súa primeira publicación-, Decamerón ou As do peixe (Premio María Casares 2014 ao mellor texto orixinal).

Formou parte dos dramaturgos europeos seleccionados para participaren no Maratón Europeo da Creación Teatral, dentro do programa de actividades da Capitalidade Cultural Europea de Bruxelas 2000, experiencia en que escribiu O último roedor (peza estreada pola compañía belga Canadair, baixo a dirección de Alain Wathieu).

Traballou tamén como guionista para series de televisión, como Pratos Combinados ou Mareas Vivas, entre outras. No campo da narración oral, alén das súas constantes actuacións en locais especializados, ten participado en numerosas programacións, eventos e festivais de Europa, África e América Latina.

Vén de recibir o Premio de Honra da Mostra Internacional de Ribadavia 2014 (Premio “Roberto Vidal Bolaño”) pola súa traxectoria.