Podería Galicia sufrir seca?

Aínda que a precipitación media anual acadada en Galicia é moi elevada en relación co resto da península, isto non impide que se produzan con certa frecuencia períodos de escaseza de auga na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa. Estes episodios proveñen da desigualdade da distribución temporal dos recursos hídricos dos que dispón a Demarcación ao longo de todo o ano. O pasado mes de xullo declarábase a situación de prealerta por posibilidade de seca hidrolóxica na comarca de Ortegal e na Mariña lucense.

Nas últimas semanas produciuse unha mellora nos niveis de ocupación das cuncas da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, despois das precipitacións rexistradas, non obstante a situación de prealerta segue activada ata que o aumento do nivel base dos ríos non estea fortemente consolidado.

Ante estes episodios, en Augas de Galicia contamos cun Plan de Seca que determina unha serie de pautas para actuar nunha situación coma esta. Este plan de xestión de risco por seca ten como obxectivo anticiparse a estes episodios, evitar a toma de decisións por urxencia, maximizar os recursos hídricos dispoñibles e diminuír os efectos no subministro de auga á poboación e aos diferentes sectores económicos afectados polos posibles cortes de abastecemento.

Posibles escenarios antes da seca

Os plans de xestión do risco por seca están dirixidos a situacións provocadas por períodos prolongados de precipitacións reducidas, pero tamén poden deberse a incrementos estacionais da demanda por enriba dos recursos dispoñibles, perda de calidade do recurso ou redución da eficiencia na rede entre outros. No tocante a este panorama pódense distinguir catro tipos de situacións:

  1. Normalidade

A área técnica de Augas de Galicia co apoio de Meteogalicia, encárganse de facer un seguimento dos indicadores de precipitación. Nesta fase ademais contrólanse tamén os datos de caudal dos encoros, dos ríos a través dos reportes a tempo real das estacións de aforo, e da rede piezométrica coa que se controlan os niveis de augas subterráneas.

  1. Prealerta

A directora de Augas de Galicia é a encargada de activar a fase para máis tarde constituír a Oficina Técnica da Seca. A activación da prealerta realízase como aviso temperá para prepararse con suficiente antelación ante un eventual escenario de seca, e que implica un incremento do seguimento continuo dos caudais nos ríos.

  1. Alerta

Activa a fase de novo a directora de Augas de Galicia. Esta vez non só conta co apoio de Oficina Técnica da Seca, xa que se suman o Consello Reitor e as comisións de desaugamento. Este novo escenario consiste na intensificación da prealerta, tanto na progresión da seca como no plantexamento das medidas. Nesta fase a escaseza moderada de auga ten unha probabilidade significativa de desembocar nunha situación de emerxencia se a seca continúa e non se toman medidas adecuadas.

  1. Emerxencia

O Consello Reitor de Augas de Galicia é o encargado de activar a fase de Emerxencia, na que se activa o Plan Territorial de Emerxencias (PLATERGA). Nesta fase interveñen tamén outros axentes como Protección Civil, a Oficina Técnica da Seca, as Comisións de Desaugamento e o Consello para o uso sustentable da auga. Nesta etapa dáse unha alta probabilidade de situacións de desabastecemento por seca como consecuencia de episodios de seca de gran severidade.

 

Cales son as consecuencias ante este tipo de situacións?

Ante un período de seca poderíanse adoitar certas medidas que limitarían o uso do recurso en determinados sectores en función da fase que estea declarada nese momento. Na fase de normalidade realízase un seguimento cotiá dos indicadores de seca que determinan os diferentes estados, así como aquelas medidas relacionadas coa planificación hidrolóxica, que van desde a priorización dos usos, profundización nas regras de explotación dos diferentes sistemas. Este sería o período axeitado para planificar e preparar as medidas que deben activarse en fases de menor dispoñibilidade de recursos.

Dentro do estado de Prealerta, as medidas a implantar teñen por finalidade básica incrementar as dispoñibilidades do recurso, reducir as demandas e mellorar a eficiencia no uso da auga. Na seguinte fase, durante a Alerta, as medidas teñen por finalidade conservar os recursos mediante melloras na xestión, uso conxunto de augas superficiais e subterráneas, aforros e limitacións do consumo dos grandes Sistemas de Abastecemento.

Finalmente, as medidas activadas durante a Emerxencia, están destinadas á optimización no gasto dos escasos recursos dispoñibles nesta fase, polo que será necesario establecer restricións aos usos menos prioritarios ou incluso xeneralizalas, así como adoitar as medidas estruturais ou técnicas necesarias en cada caso.

 

Nestes momentos non se agardan problemas de abastecemento na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, sen embargo, é moi importante levar a cabo un consumo responsable da auga xa que non é un recurso inesgotable pero si imprescindible para a vida.