A impresión 3D como ferramenta educativa
O 17 de outubro comezou o curso S1901041 Deseño de produtos baseados na impresión 3D na Aula Nova. Os relatores responsables de achegarvos ao interesante mundo da impresión 3D no ámbito educativo son Raquel Gey Piñeiro e Esther Padín Vidal docentes de música e matemáticas no IES A Xunqueira 2 e Jose Antonio Pose Rodríguez docente do Ciclo de Madeira no CIFP Politécnico de Santiago.
Durante o curso deseñaranse proxectos educativos apoiándose na impresión 3D. A idea é estender o uso da impresión 3D a todo o profesorado, non só ao da área científico tecnolóxica e ademais fomentar o traballo por proxectos e poñer en valor a formación por competencias que facilitará ao noso alumnado actuar con eficacia na resolución de problemas e na optimización de situacións da vida cotiá, desenvolver a creatividade, aprender a traballar de forma colaborativa, responsabilizarse da súa aprendizaxe, etc.

Poder construír un obxecto a partir dun deseño propio para o uso na aula é unha ferramenta educativa moi potente e queremos que todo o profesorado teña acceso e se poida beneficiar dela. Por poñer un exemplo, na materia de xeografía poderíanse imprimir un mapa de nivel, na de música reproducións de instrumentos e en calquera materia pódense imprimir as pezas de xogos educativos.

Facilitarase ao profesorado as fases de elaboración dun proxecto, partindo dunha idea inicial, pasando pola elaboración de grupos, ou a creación dun prototipo, e rematando coa reflexión e avaliación, etc

Tedes á vosa disposición a Aula Nova non só para asistir a cursos senón tamén como profesorado que queira visitala e utilizala para crear materiais, pedir asesorías, elaborar proxectos etc. A solicitude deberá efectuarse a través do formulario que se pode atopar en www.aulanova.gal.