Actualizamos e conectamos
Comenzamos unha nova etapa educativa no curso 2020-2021 cun escenario marcado pola ameaza cercana da COVID19 no noso universo diario como docentes. Sabemos que son momentos complicados para toda a comunidade educativa: profesores/as, alumnado e familias, que as nosas mentes están ocupadas e preocupadas polos numerosos atrancos deste curso tan especial que temos agora mesmo, pero tendo presente o espiritu maker, temos que atopar solucións axeitados a problemas cotiáns con creatividade, superación e perspectiva de futuro.
O equipo de traballo de Aula Nova é consciente dos novos retos e da realidade das aulas galegas, dos espazos e recunchos maker e do profesorado inquedo e desexoso de novas aprendizaxes e experiencias educativas. Por iso, ponse a traballar nunha nova liña de acompañamento docente. Nas futuras publicacións neste espazo de comunicación tentaremos afondar nas 4 liñas de innovación educativa que se están a desenvolver dende AulaNova: Liña Maker, liña Lab, Liña STEAM e liña Metodoloxía.
Adaptaremos a nosa proposta a esta realidade cambiante e incerta e tentaremos ser un espazo de consulta, visibilización de boas prácticas, descubrimento de proxectos e intercambio de idea e experiencias.
Mentres tanto recibide todo o noso apoio e comprensión.
“Se queres ensinar, non deixes de aprender”