Grandes ideas, grandes produtos
O emprego de software específico de modelado 3D nas escolas e centros educativos permite dar o salto do mundo virtual ao mundo físico integrando pequenos módulos de programación, en formato de bloques, á vez que traballamos o pensamento computacional dentro do proxecto.
A impresión 3D permítenos achegar o alumnado á creación, a baixo custo, de obxectos que poidan ser deseñados e modelados por eles mesmos nun ambiente virtual de traballo, para despois materializalos e facelos realidade empregando unha técnica de fundido de material FDM (Fused Deposition Modeling) cunha impresora 3D. O material base de traballo para este tipo de máquinas é o Ácido Poliláctico (PLA) que permite explorar a versatilidade do deseño e tamén da máquina. O PLA é un polímero derivado do ácido láctico, un plástico procedente de recursos naturais vexetais que se presenta, normalmente, en forma de rolo filamento de diversas cores e prezos moi asequibles.
Actualmente, este tipo de máquinas forman parte xa do noso ecosistema educativo facendo realidade e materializando eses deseños.
BlocksCAD é un software gratuíto cunha interface web baseada en OpenSCAD onde atoparás bloques de programación Blocky, moi parecido a Scratch. É un programa básico, sinxelo pero moi potente que desenvolve a visión espacial do alumnado e permite levar adiante un modelado 3D.
Vas traballar directamente no navegador, escolle idioma e logo podes crear unha conta para gardar e compartir as túas creacións con outros usuarios/as. No escenario de traballo poderás atopar diferentes zonas:
– Unha barra de ferramentas na parte superior.
– Unha barra de bloques de cores na esquerda
– Unha área de traballo central onde vas apilando os bloques de código e formando as secuencias.
– Unha área de debuxo ou renderizado a dereita onde poderás ver a transformación do código proposto en modelo 3D.

Podemos comezar con formás básicas (cubos, cilindros, esferas…), manexando as dimensións nos tres eixos do espazo (X,Y e Z), cambiando as cores e facendo trasformacións e rotacións das figuras.
Unha vez teñamos dominada a interface e o manexo básico é sinxelo lanzarse ás operacións lóxicas: unións e diferenzas que dan moito xogo sumando e restando volumes e logo seguir explorando. Unha vez rematado o código tes que renderizar o modelo para que se visualicen os cambios na pantalla. Non esquenzas nomear a túa creación, o derradeiro paso é a exportación a .stl co cal xa terás o teu modelo 3D preparado e listo para levar o programa laminador que empregues (Slicer, Cura Ultimaker, Prusa Slicer, etc..) e ter o teu propio modelo deseñado na man.
Na páxina web podes atopar unha librería de modelos de uso libre. Ten en conta que seguindo a filosofía maker, non está mal visto inspirarse, copiar, transformar e reutilizar deseños xa liberados polos seus autores como o noso “Amog us”. Sempre que fagas un remix aparecerá o autor do proxecto orixinal.
Na última fase podes curiosear no código equivalente aos bloques e descubrir o fascinante mundo da programación.