Neta e os seus segredos
Sabes que é a esteganografía? É unha técnica que permite ocultar mensaxes dentro de obxectos, chamados portadores de tal maneira que non se percibe a existencia da mensaxe quedando inadvertido para o observador.
É coñecida desde a antiguedade onde se ocultaban mensaxes tatuándoos no coiro cabeludo de escravos de confianza, quedando logo ocultos ao crecer o pelo. Organizacións á marxe da lei ou institucións relacionadas coa espionaxe, a intelixencia ou a contorna militar en guerras mundiais ou conflitos armados tamén a usaron amplamente para facer chegar mensaxes secretas.
Na actualidade, afortunadamente, xa non enviamos así as mensaxes pero utilízase na área da seguridade informática empregándose outras canles asociadas como as imaxes, o vídeo ou os audios, todo serve para encubrir un secreto.
Non debe confundirse coa criptografía xa que esta úsase para cifrar ou codificar información dun modo inteligible. A miúdo combínanse ambas escondendo unha mensaxe previamente cifrada de tal modo que aínda que o atopes non será fácil saber que di se non o descifras adecuadamente.
Na última sesión da actividade S2102045-Tecnoloxía e creación maker quixémonos achegar a estas técnicas que usadas de maneira educativa permítennos xogar co noso alumnado.
Na segunda parte falamos de metadatos e indicámoslles a url http://exif.regex.info/exif. cgi onde analizamos uns exemplos de imaxes. E aquí é onde entra Neta, coñécela?
Neta Snook, tamén chamada Neta Kinner (polo seu avión) é unha pioneira da aviación estadounidense xa que foi a primeira muller piloto en Iowa, a primeira piloto en ter a súa propia escola de voo, así como, a primeira muller en dirixir un aeroporto privado Moi pronto interesouse pola mecánica influenciada pola paixón polos automóbiles do seu pai. Aos catro anos acompañábao na condución e conforme ía crecendo aprendía funcionamento interno dos coches.
Neta Snook ensinou a Amelia Earhart a voar, ela é outra aviadora soada polas súas marcas de voo e por tentar a primeira viaxe aérea ao redor do mundo sobre a liña ecuatorial.
Agora toca analizar a imaxe modificada de Neta, aparentemente é igual ao anterior pero non te deixes enganar, contén un secreto, serás quen de atopar a mensaxe oculta?
Este foi o reto que lles propuxemos aos nosos participantes e que foi liderado por Nuria Prieto e Ana Isabel González, a imaxe da nosa protagonista aparecera sempre na publicidade do curso e na difusión facendo unha chiscadela ao que viría despois.
Se te vas á dirección de http://exif.regex.info/exif. cgi e analizas a foto atoparás unha etiqueta chamada Author con esta información:
Author: TmV0 YUtpbm5 lcgo=
Esa etiqueta está codificada en base64, tamén falamos de codificación. Se decodificamos en https://www.dcode.fr/base-64- encoding obtés:
NetaKinner
que será a clave para poder acceder á mensaxe oculta que hai na imaxe.
Como estamos a falar de esteganografía imos á url https:// futureboy. us/ stegano/ decinput.html
alí cargamos a imaxe, indicamos a clave e descargamos o ficheiro de texto. O ficheiro contén esta información (mensaxe. txt):
Parabén! Pasaches o reto. Manda unha mensaxe a: cafi. aulanova1@ edu. xunta. gal
indicando que o flag que obtiveches é
CTF{Primeira_muller_piloto}
Gustouche, compárteo en redes indicando noso # CAFI_AulaNova. Mil grazas a todos os nosos participantes por formar parte deste reto e a Nuria e Ana Isabel por instruirnos nas mensaxes ocultas. Os gañadores que atoparon e enviaron o flag son:
- Lucas Xosé André Rodríguez
- Fran Macías
- Ledicia Seoane Núñez
- Sonia García xesto
- Puri Trinquete
Parabéns por descifrar a mensaxe oculta!
Máis info sobre esta técnica.