Obradoiro de ilustración por Xosé Tomás
Obradoiro de ilustración adaptado a nenos e nenas, mozos e mozas de todas as idades, dende Infantil até Bacharelato. Con variacións segundo o nivel e a idade dos receptores, analízanse as relacións entre o texto literario e a imaxe, o trasvase entre ambos, así como a importancia narrativa da ilustración. Combinando exemplos con prácticas diversas, os destinatarios viaxan polas diferentes interpretacións e lecturas das palabras ata convertérense en ilustracións, poñéndoo en práctica con pequenos proxectos. Trabállase, así mesmo, a creación de personaxes dende o punto de vista físico e psicolóxico, e a elaboración de microhistorias visuais a partires de técnicas como as de G. Rodari.Danse a coñecer, igualmente, as partes do álbum ilustrado, así como todo o proceso de creación, dende a colaboración co escritor até a súa dispoñibilidade en librarías ou bibliotecas. Segundo o nivel dos asistentes, coñécese a relación existente entre as imaxes dun álbum ilustrado e as figuras retóricas: as metáforas visuais, as hipérboles, as comparacións e paralelismos, e outras. O obradoiro transcorre nun clima de constante sorpresa para os rapaces e rapazas, de utilización do humor e o paradoxo, nun intento por espertar e estimular a súa creatividade, así como a súa capacidade de comunicar historias con imaxes.