Contacontos de libros fantásticos na biblioteca de Xermade
O 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, tivemos en Xermade a fantástica e orixinal contacontos e titiriteira Carmen Domech, co seu espectáculo “Contacontos de libros fantásticos“.
Da súa maleta saíron unha morea de libros, todos eles diferentes: libros que botaban lume, libros que mollaban, libros que non paraban de falar, libros que daban moito medo, libros sen letras, libros crebacabezas, etc…
Ademais e para celebrar o Día do Libro Infantil, difundimos entre os nenos e nenas de Xermade a mensaxe da escritora irlandesa Siobhán Parkinson que leva por título: “Carta aos nenos do mundo”.