Palabras creativas… na BPM do Saviñao
Días 8, 15 e 22 de abril de 2016 ás 18:00, na biblioteca de Escairón
Para celebrar o mes dos libros, co Día do Libro Infantil e o Día do Libro, contamos cun obradoiro para axudar ós participantes a través do xogo coas palabras e a viaxe imaxinaria ao mundo dos contos a usar “Palabras creativas”.
Como o fixemos? Pois con xogos de palabras (o aforcado, pictionario, mímica, …) e exercicios de creación e improvisación (usando obrigatoriamente algunha das palabras que sairon nos xogos previos). Cada participante elaborou a súa historia na que aparecía un animal fantástico ou real, de xeito que poida presentala ó noso Certame das Letras Galegas. Con todas estas actividades ían acumulándose puntos no noso marcador colectivo, de xeito que se ó rematar o último día chegabamos ós 100 puntos seriamos declarados escritores creativos e divertidos.
Durante a última sesión, véspera do Día do Libro, fixemos a presentación oficial da Casa dos libros (que xa se podía ver xa na Sala Infantil da biblioteca), dándolle un último “toque” e enchéndoa de libros, antes de dala por rematada e ser usada como punto de intercambio de libros. Desde logo, uso démoslle pois foi a nosa pizarra dos xogos do último día.
Lamentablemente, nesta última sesión foron poucos os participantes por mor dun andazo que visitou esa semana o noso concello Pero as poucas que estiveron, recibiron o seu diploma de Escritoras creativas e divertidas moi contentas.
O obradoiro, a cargo de Arelar Xestión Socioeducativa (para participantes entre 6 e 12 anos) serviu, ademais de para mellorar o noso uso e coñecemento das palabras, para animar a participar no Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2016.