“Raposadas” de Raquel Queizás na Biblioteca de Ribeira
O pasado sábado, 20 de outubro, tivemos festa de contos na Biblioteca.
Adiantándonos ao “Día da Biblioteca” para que nos cadrase nun sábado, Raquel Queizás acompañounos nunha mañá de auténtica celebración da literatura.
Desde as 11.00 h unha raposiña moi lista, personaxe que interpretaba Raquel, agardaba na biblioteca a que chegasen as nenas e os nenos para escoitar “Raposadas”.
Fómonos xuntando no Recuncho dos Libros Infantís e ás 12.00 h xa non cabía unha agulla na biblio!
Rodeamos a raposa e comezamos a escoitar as historias que nos contaba. As persoas adultas coñeciamos algunhas delas que na adaptación que fixo Raquel convertéronse en novas, pero a maioría das nenas e os nenos era a primeira vez que tal escoitaban! Unha ra que lle gaña unha carreira á raposa, un corvo que pola súa fachenda deixa caer o queixo que leva no bico… Mil historias de sempre contadas hoxe.
E ademais cantamos e bailamos. “A rianxeira” cantámola mellor ca ninguén e no baile de despedida, nin a Paulova nos gañaba!
Mil grazas a Raquel Queizás por facernos pasar unha mañá inesquecible.
Ler Conta Moito!