OS CATRO TESOUROS NA BIBLIOTECA CENTRAL DE CAMBRE
Miguel Cortés achegounos o mércores á tarde á cultura e á escritura chinesa.
Un grupo de adultos pertencentes aos clubs de lectura das Bibliotecas Municipais de Cambre participaron neste orixinal obradoiro.
Dunha maneira moi amena e didáctica foinos adentrando nos catro tesouros que compoñen o proceso de escritura chinesa: o pincel, a tinta, o papel e o morteiro para desfacer a tinta.
A caligrafía chinesa ten diferentes niveis. Neste obradoiro Miguel Cortés móstrounos a máis sinxela, facendo un percorrido polos diferentes trazos, a orde destes trazos, o carácter conceptual da escritura, que máis que escribir é debuxar…
O primeiro caligrama que debuxamos foi o correspondente a “persoa”, e así avanzando paulatinamente de menos a máis, ata chegar ao caligrama “China”.
Rematouse o obradoiro participando dunha tertulia moi interesante, resaltando peculiaridades da sociedade china moi sorprendentes para un occidental.