O Principiño conectou Cambre con Madagascar
A rapazada de Cambre recibiu este xoves 15 de setembro -ás 17:30 horas- a visita do Principiño para abrir a programación de actividades de animación á lectura deste curso que comeza.
A sesión, realizada na Biblioteca Municipal Os Templarios, consistiu nun contacontos teatralizado, a cargo de Raquel Galavís. O Principiño en Madagascar combina a narración oral coa proxección de pezas documentais que introducen a nenas e nenos na cultura malgaxe, na paisaxe e nas vicisitudes das xentes daquel país. A tenrura das súas historias logrou contaxiar a todas as persoas presentes, convidando á emoción da lectura.