Para celebrar o día do Libro, 23 de abril, a biblioteca recibiu unha actividade cargada de humor, interacción e diversión, da man da compañía SEIS DEDOS e a súa actuación “VARIETES”
Os cativos que acudiron á biblioteca pasaron un rato moi divertido, vendo pasar diante deles diferentes personaxes como unha cabra que tiña medo, unha médium que quería adiviñar, un trapecista, unha cupletista …
Foi un espectáculo dirixido a cativos do que os maiores tamén desfrutaron a esgalla.

O pasado venres 24 de maio, alumnos do CEIP Curros Enríquez e do CPR Sagrado Corazón participaron nunha sesión de “Contos para todos”. Unha actividade de dinamización con narración oral, música e teatro a cargo de Manuel Solla Barragáns.
Ratos na biblioteca! Os ratos van ao mar a cargo de Trinketrinke Teatro
O 5 de xuño a partir das 18:00 h celebramos o “Día Mundial do Medio Ambiente” cunha visita moi especial. Os ratos de Lonxedetodo trouxéronnos un divertido contacontos teatral no que os condutores das actividades foron unhas personaxes fantásticas: os Ratos da Biblioteca, que proceden dun lugar chamado Lonxedetodo, onde os libros e a lectura ocupan un lugar sobranceiro na vida da comunidade.
A zona de contacontos da biblioteca estaba decorada para a ocasión con paneis no que se amosaba o mar, praias e barcos pirata.
Os Ratos de Lonxedetodo son grandes viaxeiros, coñecen contos moi bonitos sobre o mar e un día deciden embarcarse. Lupiña, a ratiña de Lonxedetodo compartiu cos asistentes incribles contos sobre o mar, as baleas e os piratas.
Os contos foron narrados utilizando técnicas diversas: narración oral,amosando as ilustracións, teatro de monicreques,teatro de sombras, de obxectos,dramatizacións coa participación do público…
A Ratiña de Lonxedetodo, ao remate da función descubriu unha sorpresa que tiña preparada para os nenos: nun lugar da biblioteca e tapado cunha tea laranxa había un expositor para os “Contos Favoritos dos Ratos “. Nel expuxéronse arredor de 50 contos identificados cun distintivo coas caras dos ratos. Deste xeito pretendíase visualizar os fondos e darlles saída a través do empréstito, favorecendo este dende o vínculo afectivo establecido entre os nenos e os Ratos de Lonxedetodo durante o Contacontos. Trinketrinke colaborou na selección dos contos propoñendo 25 títulos existentes na Biblioteca e o persoal bibliotecario elixiu o resto. Os contos foron identificados cos distintivos dos Ratos de Lonxedetodo.
 
   
   
  
Ao remate da sesión, os asistentes amosáronlle á Ratiña as instalacións da biblioteca. Lupiña levou varios contos emprestados e animou a que todos os nenos e nenas tamén o fixeran.
O acto rematou coa entrega dos premios do II Concurso de Fotografía Medio Ambiental, unha iniciativa na que participan alumnos de toda a localidade, cuxos traballos forman parte dunha exposición fotográfica na propia biblioteca. Lupiña non quixo perder a oportunidade de saír na foto coas gañadoras e o concelleiro.

A parella formada por Lucía Aldao e María Lado ofreceron o 21 de maio no salón de actos de Concello de Cee, un recital poético-musical no que mixturaron poesía, música e divertidas historias, convertendo a actividade moi adecuada para acercar o xénero poético a un público, no noso caso os rapaces do 2º Ciclo da ESO, ao que normalmente non lles gustan os recitais de poesía. Comentar, que sorprendentemente un 70% nas suxestións de mellora da enquisa que “realizou” entre o público asistente, a Biblioteca Pública “Francisco Mayán” de Cee, pediron que o espectáculo durase máis.
O día 30 de abril de 2013 ás 12.00 horas, tivo lugar no Salón de Actos do Concello de Cee, unha excelente recreación para marionetas do relato Alicia no País das Marabillas de Lewis Carrol, a cargo do grupo Títeres Cachirulo, actividade de animación á lectura que se desenvolve dentro do Programa Ler Conta Moito, formando parte das actividades programadas pola Concellería de Cultura, Educación e Deportes en “Letras Galegas 2013”. A Biblioteca Pública “Francisco Mayán” invitou aos rapaces (175 nenos e nenas) do 1º Ciclo de Primaria dos diferentes centros educativos do Concello e podo asegurar que o pasaron en grande.
A nosa biblioteca quería adicar unhas actividades especiais para conmemorar as Letras Galegas. Unha das actividade programadas ía destinada aos máis pequenos, bebés ata 3 anos, “Contos para bebés” a cargo de Pavís Pavós. A sesión estivo chea de preciosos contos, bonitas cancións e xogos didácticos.
Para celebrar o Día do Libro na Biblioteca de Ribadeo chegou Lilí Gruyére, gran artista internacional e habitante de Lonxedetodo, aldea dos Ratos de Biblioteca.
Tróuxonos un espectáculo cheo de poesía, música e tenrura que cativou ó pequeno público infantil. Os nenos e nenas participaron con entusiasmo na función, axudaron a Lilí, cantaron e seguiron os contos Turelí, turela de Elzbieta y Los pájaros de Germán Zullo y Albertine con moitísima atención.
Aprenderon a sacar o carné de socio da Biblioteca para levar libros para a casa e encantoulles o estante cos contos favoritos dos ratos. Pola tarde moitos volveron cos seus pais para levalos en préstamo.
A historia do Aviador aterrou o 16 de maio ás 18:00 h na Biblioteca Municipal do Grove de mans do Elefante Elegante
Entretido contacontos no que a narración oral veu acompañada pola manipulación de obxectos, as sombras chinesas, a marioneta de luva, a música, a xestualidade e a plasticidade do dispositivo escénico, creando un universo cómico, interactivo e poético onde se desenvolveu a obra.
Tratábase da historia do encontro dun aviador cun Moucho ao que, coma a todos os mouchos, lle gusta mais a noite que o día. Cando escurece, voaba dun lado para o outro, axitaba as ás e asubíaba como o vento, pero ao amencer, enchíase de tristura. Sentado na punta dunha póla, pensaba en como seria marabilloso que a noite nunca terminase. Por que sae o sol? O Aviador vai tentalo todo para axudar ao Moucho, pero decátase de que non é posible vivir nun mundo sen sol?

O polifacético artista engatusou a grandes e pequenos cun ameno espectáculo no que as súas magníficas dotes narrativas e xestuais se combinaron coas sombras chinesas, as marionetas de luva e a música. Todo o público asistente gozou coas aventuras do aviador e o moucho, participaron activamente e interactuaron co narrador para axudar ao desenvolvemento da historia.

Ao rematar ninguén se quería levantar porque lles gustou tanto que querían máis.

Uns 130 nenos de Educación Infantil e do CRA Amencer asistiron o 25 de abril ao contacontos “O aviador” da compañía Elefante Elegante dentro do programa Ler conta moito, para celebrar con nos o Dia do Libro. O contacontos levouse a cabo no auditorio da Casa da Cultura, onde está situada tamén a biblioteca e foi moi ameno e interactivo cos nenos, misturando unha curuxa de monicreque e teatro de sombras.


Séguenos