O xoves, 10 de outubro, ás 18:30 h, estivo na Biblioteca Central Rialeda Chrystian Magic. O espectáculo durou algo máis dunha hora na que houbo maxia, humor e moita participación dos asistentes, tanto nenos/as como adultos. O público saíu moi satisfeito da actuación do mago.
O día 25 de abril, realizamos na Biblioteca Pública de Meira a representación do Principiño en Madagascar da man de Raquel Galavís. A representación tivo lugar no Centro Socio-Cultural de Meira lugar onde está ubicada a biblioteca polo que os nenos do colexio de segundo e terceiro ciclo de primaria do CEIP de Meira se desprazaron ata a mesma. Foi unha función que gustou moito na que os nenos se mostraban partícipes do que estaba acontecendo no escenario, implicados en todo momento na viaxe que lles invitaba a facer Raquel.
O 9 de outubro, coñeciamos a un xenio, Leonardo Da Vinci, a súa vida, a súa obra , a súa faceta de pintor e os seus inventos. A actividade desenrolouse en dúas partes, a primeira foi unha pequena charla apoiada en diapositivas, onde se falaba da vida e da obra de Leonardo Da Vinci, presentando a este xenio, e destacando a súa faceta de pintor e inventor.
Unha vez coñecido a este grande xenio da historia, fíxose un obradoiro, onde, partindo dun dos descubrimentos de Leonardo, a luz viaxa en liña recta, cada neno e nena participante, crea a súa pequena cámara escura.
Complementouse a actividade cunha pequena exposición cos fondos sobre Leonardo Da Vinci
Feita a cámara escura, toca comprobar que funciona.
Actuación-encontro “Poemas de amor para tempos difíciles” co autor verinense XoséCarlos Caneiro.
Nesta actividade o escritor dará unha clase maxistral de como recitar poesía e declamará os poemas de amor deste libro, ademais os/as asistentes poderán
facer preguntas sobre esta e outras obras de Caneiro.
Esta actividade está enmarcada dentro do programa de dinamización de lectura
‘Ler conta moito’, organizado pola Biblioteca Pública Municipal de Verín e a
Secretaría Xeral de Cultura, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
Devandito programa ten por obxecto fomentar o hábito da lectura no conxunto da poboación,
a través dun achegamento á biblioteca que esperte o interese polo que esta pode
ofrecer, fortalecer o papel das bibliotecas como espazo de relación, aberto
e participativo, e como axente facilitador da aprendizaxe permanente e da descuberta de novos temas e inquedanzas sociais; consolidar a programación compartida da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, coa renovación permanente de propostas atractivas e de calidade, promover o desenvolvemento cultural como vehículo para o crecemento persoal e colectivo, e valorar o libro e, en xeral, a lectura como elemento de transmisión de coñecemento e de reflexión.
Máis información na Web da Biblioteca de Verín: http://av.centromultimedia.net/microsite/verin/biblioteca/galego/index.htm
A sesión de contacontos durou preto dunha hora. A ela asistiron nenos con idades comprendidas entre 4-11 anos. Dende o primeiro momento houbo unha boa sintonía entre os cativos e Larraitz. Axudando moito a expresividade mostrada pola contadora de historias. Gustoulles moito o conto no que empregou vexetais como complemento á palabra.

O día 8 de outubro ás 18:30 acudiron a actividade “Títeres nas mans” 21 nenos e nenas á Biblioteca de Montrove. Mirari , a dinamizadora da actividade (da Compañía Larraitz Urruzola Tolosa) deulles as pautas que debían seguir para que as súas mans se transformasen en títeres . A actividade resultou moi entretida para todos e todas, incluídas as nais e país que quedaron na biblioteca axudando. As nenas e nenos pintaron as súas mans e fixeron delas as protagonistas das historias que despois se animaron a representar…resultaron ser grandes artistas!
Nesta ocasión apagamos as luces na biblioteca para escoitar e ver da man de Sherezade Bardaji os contos dos famosos irmáns Grimm.
Tivemos unha visita especial na biblioteca, a do trasno Dada, que nos deleitou cunha sesión de contacontos nos que os protagonistas foron os animais.
O venres 4 de outubro ás 18:00 na Axencia de Lectura de San Vicente (O Grove) tivemos “Contos para todos” a cargo de Manuel Solla (Expresión Produccións). Os asistentes disfrutaron dunha sesión divertida na que todos participamos moi activamente na narración dos contos.


Séguenos