Sole Felloza trouxo os “Seres Máxicos do Reino de Galicia” a BiblioPazos para celebrar o Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor
Continuamos coas actividades do Programa de Animación á Lectura e de Dinamización da Lingua Galega de 2026 da Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén – BiblioPazos coas que conmemoramos o DÍA MUNDIAL DO LIBRO E DOS DEREITOS DE AUTOR, que se celebra en todo o mundo o día 23 de Abril de cada ano desde o 15 de novembro de 1995 en que tivo a sua orixe como unha maneira de render unha homenaxe a grandes escritores universais como Miguel de Cervantes, Garcilaso de la Vega, William Shakespeare, Vladimir Nabokov, Josep Pla e Manuel Mejías Vallejo, entre moitos outros; e foi a través da UNESCO que se decretou ese día co obxectivo de fomentar a lectura entre todos os públicos, a cultura e as letras no mundo, ademais de protexer a propiedade do dereito de autor, a iniciativa da Unión Internacional de Editores.
E é que ler axúdanos a coñecer culturas, a viaxar no tempo e a cultivar a nosa mente.
E para conmemorar esta importante data tivemos con nos o pasado Venres día 24 de Abril a partir das 13:00 horas no Auditorio do Concello á actriz, contacontos, fotógrafa e xestora cultural SOLE FELLOZA que nos trouxo o seu espectáculo de narración oral “SERES MÁXICOS DO REINO DE GALICIA”.
Esta actividade forma parte do programa de dinamización da lectura “LER CONTA MOITO” que promove a Direción Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en colaborción cos concellos que teñan as súas bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia.
Asistiron a este evento os usuarios da Asociación ASPAVI e o alumnado de 3º, 5º e 6º de Primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos.
Houbo un tempo no que coñecer os seres máxicos era imprescindible para entender o mundo. Saber onde vivía o nubeiro, que monte habitaba un xigante ou en que fonte podía aparecer unha moura axudaba a orientarse no territorio, pero tamén na vida. Estes seres formaban parte dun saber compartido, ligado á terra, aos camiños e á memoria do país.
Hoxe moitos destes personaxes convertéronse en nomes alleos para a rapazada, figuras borrosas ou esquecidas. E cando esquecemos os seres que nos explicaban o mundo, empobrecemos o imaxinario colectivo e rompemos un fío esencial coa memoria do Reino de Galicia, coa súa xeografía simbólica e coa tradición oral que a sostivo durante séculos.
Este espectáculo de narración oral propón volver poñerlles voz, corpo e historia a esas criaturas. A partir do Mapa dos Seres Máxicos do Reino de Galicia, creado por Manuel Gago e ilustrado por Leandro Lamas, a palabra falada convértese nun mapa vivo: un espazo escénico onde pousar o dedo e abrir unha historia, onde cada lugar garda unha voz.
Trasnos, meigas, xacias, nubeiros, seres desaparecidos e outros vencellados a illas, montes, fontes ou camiños regresan á oralidade para ser contados de novo, reinventados e compartidos. Porque a tradición oral tamén é unha forma de ecoloxía cultural: o que non se conta, desaparece.
Seres Máxicos do Reino de Galicia é unha invitación a recuperar un imaxinario propio, rico e poderoso, e a facelo dialogar co presente, para que estas figuras deixen de ser reliquias do pasado e volvan acompañarnos no camiño cara ao futuro, como parte viva da identidade e da memoria do país.








































Séguenos