Día da Biblioteca 2014
Día 24 de outubro de 2014 das 10 da mañá á medianoite, na biblioteca de Escairón
Para celebrar tan magnífica data, na biblioteca decidimos non pechar en todo o día. Collemos aire, e desde as 10 da mañá ata a medianoite tivemos un amplísimo surtido de actividades, empezando con varias visitas guiadas escolares durante a mañá, nas que coñecemos mellor a nosa biblioteca como espello ou retrato do que é o noso concello. A mediodía seguiu vindo xente, e pola tarde collemos aínda máis alento para continuar con:
-papiroflexia: aprendemos a forrar libros con papel e a facer unha grúa
-xogos de contos: presentamos un conto e dixemos de que trataba
-xogos de adiviñas: demos pistas sobre as personaxes e o argumento dun conto para que os demais adiviñaran de que conto se trataba
-merenda: merendola para coller forzas para o que quedaba de noite por diante, que aínda era moito
-proxección: vimos, da man de Teatro Buratini, o conto Marie e as estrelas que se empezou a facer no obradoiro O lapis máxico, e o da Cincenta elaborado noutra biblioteca, dentro do repertorio do programa Ler conta moito. Lembramos que o libro está dispoñible na biblioteca para que quen quedara coa intriga de como segue a historia poida ler o final.
Vemos o comezo da historia de Marie e as estrelas.
Para saber como acaba, teremos que ler o libro da biblioteca.
-truco fantasmagórico: aprendemos a preparar un efecto asombroso de pantasmas atrapadas nunha botella
-xogo colaborativo das cadeiras: fomos perdendo cadeiras, pero ninguén podía quedar sen asento, e así conseguimos sentar ata a 8 persoas nunha soa cadeira
-da man de Xanela Ocio, cos seus Contos ao revés, dentro do repertorio do programa Ler conta moito, coñecemos as historias de Tarzana, O lobo Carapuchiño, e o de Brancaneves e ‘Os 7 Alieníxenas’
O rei do País da Fantasía quedou moi, moi, moi, pero que moi satisfeito coa reverencia
que aprendeu a facer todo o público para saudalo.
Tanto, que nos presentou á súa filla, quen lle axudou a contar varios contos, pero non uns contos normais,
senon contos de sempre que sufriron unha transformación dentro dun baúl máxico.
Descobrimos como Tarzana loita por se converter na raíña da selva a pesar da
oposición dalgúns animais contrarios a que unha muller ocupe ese posto.
Realmente, Tarzana mereceu ser declarada a raína da xungla.
-outro efecto máxico: as tintas sicodélicas e danzarinas que nos deron un pouco de fame que paliamos con un “piscolabis” nocturno
-como despedida (tamén dentro do repertorio do programa Ler conta moito) O Correo do Vento foinos desvelando O misterio do pirata Benito Soto ó longo do último tramo da noite. Deixárono plasmado magnificamente nas ilustracións feitas en tempo real ás que lle demos color entre todos como despedida despois de retratar cada participante ó pirata seguindo as indicacións. Esas ilustracións coloreadas quedaron expostas decorando as paredes da biblioteca
Acompañamos a Roque e a Pé na súa investigación sobre o pirata Benito Soto, para descobrir
cal era o misterio que se agochaba detrás do mapa do tesouro do Pirata Benito Soto…
Desvelado o misterio, aprendemos a debuxar piratas con pata de pau e parche nun ollo
Para agradecer que nos ensinara a debuxar piratas, axudámoslle a colorear entre todos,
os debuxos cos que nos retratou a historia do Misterio do Pirata Benito Soto
Séguenos