Pase especial para profesorado

Na recta final dos ensaios previos á estrea do vindeiro venres 13 de marzo, o equipo artístico e actoral de Xardín suspenso está a recibir unhas visitas moi especiais.

Se a finais da semana pasada nos visitou un grupo de estudantes de dirección de escena da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD), onte foi a quenda dos docentes. Para eles desenvolveuse un ensaio completo que rematou cuns minutos de pausada conversación no que intercambiaron co director escénico as súas dúbidas e impresións.

Xardín suspenso é unha obra especialmente recomendada para alumnos e alumnas a partir de 4º de ESO. Durante a súa estancia no Salón Teatro de Santiago de Compostela, espazo escénico do CDG, ofrecerase un total de 4 pases para escolares que terán lugar os días 18, 19, 25 e 26 de marzo, para os que aínda quedan prazas dispoñibles.

Afonso Becerra de Becerreá –dramaturgo, director de escena e profesor de Dramaturxia na ESAD– elaborou o material pedagóxico que  xa se pode descargar desde aquí.

Para confirmar a asistencia, abonda con chamar ao teléfono do CDG, 981 581 111, en horario de 9.00 a 14.00 horas.