Arquivo da categoría: Ensaios

Benvidos ao noso ‘Xardín suspenso’

Con este post alzamos unha vez máis o pano para descubrirvos as interioridades da nova produción do Centro Dramático Galego sobre a obra de Abel Neves Xardín suspenso. E mentres avanzan os ensaios de cara á estrea do venres 13 no Salón Teatro de Santiago, o director Cándido Pazó comparte connosco as súas impresións sobre a peza (non esquezades visitarnos regularmente para estar ao tanto de todo o que aquí acontece):

Ás veces a traxedia nace e crece nos lindeiros do absurdo. Un absurdo que fai parte substancial da realidade pero que, desde o conforto da “normalidade” que queremos preservar, porfiamos en negar ou ignorar. Ou simplemente non sabemos enfrontar, deixando que a traxedia precipite.

No seu Xardín suspenso, Abel Neves remexe no microcosmos das relacións familiares. Ese ámbito no que se supón que estamos seguros e protexidos pero que, como representación en miniatura do mundo que é, constitúe un caldo de cultivo, ora fértil, ora putrefacto, de todo tipo de tensións e contradicións. Un remexer no que nos confronta co poder das palabras simples, esas que xorden case sen nos decatarmos e que á mínima fenda, ou perante unha circunstancia ocasionalmente máis desprotexida, acaban por ser letais.

Unha historia de amor. De desamor, polo tanto. A historia de algo tan trivialmente dramático como unha promesa de amor incumprida. De algo tan común e inocente como a expresión cándida dun sentimento adolescente que non compromete. De algo tan admirable pero incomprensible como a lealdade traxicamente absoluta a un tempo que xa non é e a un futuro que xa non será. A un xardín que non se consuma. Un xardín suspenso.

Unha peza na que parecería que o autor pediu a colaboración dun Racine, un Chekhov e un Ionesco para, sen que a orde dos factores altere o produto, desconcertarnos, emocionarnos, divertirnos, sacudirnos ou estremecernos.