Equipo portátil de radio
Temos xa, na Aula Nova do CAFI, un equipo portátil de radio para crear os vosos podcast. Está dispoñible para o empréstito dos centros do ámbito CAFI que así o soliciten. O equipo está composto por cinco micros Shure, cinco auriculares AKG e unha mesa de mesturas para conectar a calquera dispositivo que queirades empregar, portátil, gravadora de voz, etc.
Este formato educativo facilita un modelo de comunicación máis dinámico ca o clásico, unidireccional, do profesorado ao alumnado.

Un equipo de radio é unha ferramenta educativa moi interesante que podedes utilizar no voso centro educativo. Traballar con ela na aula potencia o traballo colaborativo e individual, a creatividade, a planificación e a toma de decisións. Ademais mellora a autoestima e a motivación do alumnado.
Pódese utilizar para que o alumnado cree o seu propio produto, deseñándoo previamente. Ao longo do proceso, o alumnado enfrontarase a retos reais e atopará obstáculos no seu camiño que poden desencadear unha experiencia máis rica de aprendizaxe.