Avelino González na Biblioteca Ágora
O pasado 14 de maio na Biblioteca Ágora celebramos dunha forma especial o Día das Letras Galegas, data simbólica na que poñemos en valor como pobo o feito de contarmos cunha identidade, cultura e lingua propia. A forma escollida desta volta foi unha sesión de narración oral que desenvolveu Avelino González para os nenos e nenas de 6º de EP do CEIP San Pedro de Visma.
O recoñecido actor galego de teatro, cinema e televisión conseguiu captar toda a atención dos asistentes coas súas historias dramatizadas, cun pé no real e outro no ficcionado. Para alén da súa capacidade de envolver con palabras aos mozos e mozas, quixo tamén facelos partícipes das historias interaccionando con eles en diversos momentos da sesión.
A actividade resultou un verdadeiro éxito, tanto polo dinamismo e viveza coa que se desenvolveu como pola propia valoración dos alumnos e alumnas asistentes.