21/05/2014
O pasado 16 de maio tivemos na Biblioteca Municipal Ágora da Coruña a ocasión de achegarnos novamente á poesía e á música de Aldaolado, o estupendo proxecto que as poetas María Lado e Lucía Aldao levan anos desenvolvendo, ao vivo, polo conxunto da xeografía galega. Na posta en escea, lúdica e divertida, desfrutamos dos versos de diferentes autores e autoras do país, dos das propias protagonistas do recital e da forma especial e fermosa na que a música da Velvet Underground, David Bowie e outros clásicos -fantástica versión de Rocío Jurado en galego, incluída!- dialoga cos recitados.

Por pouco habitual, por cercano ao público e pola vontade de desacralizar o texto literario e a propia condición de poeta, o formato que ofrecen as creadoras do espectáculo resulta especialmente interesante. Nelas están os xogos e as citas ás referencias da cultura popular de masas, coas que medramos e coas que convivimos. Nelas, tamén, a espontaneidade, a naturalidade e a frescura coa que se relacionan, desde o gozo, desde o pracer, cos propios poemas, cun sentido lúdico que non por iso lles resta intensidade e verdade á fondura dos textos.
O desenvolvemento da actividade na Biblioteca volveu demostrar a solvencia na posta en escea e a capacidade de conexión de Aldaolado coas e cos asistentes, para unha franxa de idade, ademais, ampla e capaz de conectar con adolescentes, adultos ou persoas maiores por igual.
Séguenos