Inácio trae o demo á Biblioteca Ágora
O pasado venres 27 de marzo tivemos na Biblioteca Ágora unha actividade coa que quixemos celebrar o Día Internacional da Literatura Infantil e Xuvenil, e para o cal aproveitamos tamén as oportunidades que ofrece o programa Ler Conta Moito.
70 nenos e nenas, dos centros educativos CEIP Raquel Camacho e CEE Nuestra Señora de Lourdes – Aspronaga, foron protagonistas dunha xornada na que por un lado desenvolveron a proposta Ti tes moito conto!, organizada desde a Biblioteca coa súa colaboración, e por outro asistiron á actuación de Inácio, que nos deleitou cos seus contos do demo e coa contada da Nau Catrineta.
Con Ti tes moito conto! buscamos traballar en dous aspectos que cremos de interese para os hábitos do alumnado participante: dun lado o fomento da lectura a través do coñecemento lúdico de contos e historias clásicas ou de tradición popular; doutro, a colaboración e o traballo en equipo entre alumnos e alumnas de centros diferentes e de realidades que non son as que viven a diario.
Como diciamos, a actuación de Inácio foi un fin de festa estupendo para a actividade final que preparamos o pasado día 27. A súa capacidade de interacción cos nenos e nenas, o carácter acumulativo das historias relatadas -que facilitaba a participación activa nas mesmas- e o propio interese do contido fixo que todos e todas gozaramos dunha sesión ben divertida e proveitosa.