PAVÍS PAVÓS DEIXANDO A PEGADA DOS SEUS CONTOS NA BIBLIOTECA ÁNXEL CASAL




O pasado 3 de maio, a Biblioteca Ánxel Casal trasladou a súa Choiva de Contos ao recinto da Feira do Libro de Santiago de Compostela, invitando a Carmen Domech a facer o seu contacontos, PASTOREANDO ALEGRÍAS.

Carmen contou catro historias. Na primeira, unha lebre, unha cabra e outros animais eran os protagonistas dunha nova versión do Coellinho branco.
Na segunda, a contadora foi describindo a través dun gran libro de trapo as diferentes ubicacións do pelo no corpo humano. As rimas e as divertidas ilustracións fixeron que o público morrera da risa.

Na terceira historia, a contacontos levaba un Libro-rolo de tea, e mentres ía contando, ía tirando do rolo onde diferentes esceas ilustradas mostraban o conto.
E na cuarta historia, valeuse dun panel vertical, tamén de tea, onde aparecían os distintos animais do conto popular “Unha vella tiña un can”.
As nenas e nenos estiveron moi atentos e pediron moitos máis contos. Para ver esta actividade no Facebook da biblioteca preme aquí.
Onte Xoves 15 de Maio ás 13:00 horas na Sala de Lectura de BIBLIOPAZOS celebramos o DÍA DAS LETRAS GALEGAS, coa sesión de contacontos “O misterio do pirata Benito Soto” a cargo de Enrique Mauricio e Carlos Taboada de Polo Correo do Vento.
Unha historia de misterios que mestura a oralidade coa ilustración e que rematou cun obradoiro de debuxo de temática pirata.
Este foi o resultado.
A compañía Elefante Elegante representou na Biblioteca Municipal de Lugo, “Lobo bobo”. Con este contacontos os nenos e nenas asistentes coñeceron aspectos sorprendentes e divertidos dos personaxes dos contos máis coñecidos como Bracaneves, Carapuchiña Vermella ou os Tres cerditos.

Tim Bowley e Charo Pita
O luns 12 de maio iniciáronse as actividades dirixidas aos nenos e nenas dos diferentes niveis educativos do municipio, contempladas dentro da máis ampla programación da Feira do Libro de Brión – Maio Cultural 2014. Da man de Tim Bowley e Charo Pita, os rapaces de 1º Ciclo da ESO do IES de Brión asistiron a “Dúas linguas, unha historia” unha divertida sesión conta contos en inglés e galego.
Ao auditorio do Centro Social Polivalente, lugar onde se celebrou a actividade ao non contar a biblioteca cun espazo axeitado, acudiron aproximadamente uns 60 rapaces e rapazas acompañados por catro profesores que durante unha hora gozaron das historias narradas en inglés polo “storyteller” Tim Bowley e traducidas por Charo Pita. Contos de diferentes partes do mundo que espertaron a curiosidade dun auditorio moi entregado e con gañas de participar, como así o demostraron no conto do “Pirata a serea e o mago feo”.
Tim Bowley leva narrando historias por todo o mundo dende hai máis de 25 anos. Ademais como escritor ten libros para todas as idades en editoriais como Kalandraka, OQO, Raíces e Palabras del Candil. Charo Pita tamén é narradora de historias e escritora. Ámbolos dous levan traballando con éxito en actividades de narración e animación lectora en bibliotecas e institutos de ensino secundario dende o ano 2006.
O pasado mércores 7 de maio celebrouse na Biblioteca do Mosteiro unha estupenda sesión de contos, música e danza da man de Raquél Galavís e Mato Armada co nome de Cantacontos. Máis de medio cento de nenos e pais gozaron do espectáculo cos contos e cancións de Elvis ou dos Chivos chivóns. 
Con moita presencia de nenos e nenas de Educación Primaria do Vicedo, un par de integrantes do afamado grupo Sarabela Teatro de Ourense presentaron unha actividade de animación á lectura: Conto Express. Unha actividade que trata de achegar o mundo dos contos tradicionais ós máis pequenos e difundir a imaxinación e a lectura. A actividade resultou moi entretida e das máis relacionadas coa promoción da lectura e da biblioteca.
Tarde de contos na Biblioteca Municipal a cargo de Os contos de Pablísmo. Contos cortos e divertidos, protagonizados todos eles por rás e sapos cos que os nenos e nenas asistentes coñeceron un pouco mellos o mundo dos batracios.
Unha viaxe a través dos contos por América Central. 55 nenos de idades entre os 6 e os 10 anos, disfrutaron na biblioteca de Covelo da narración de varios contos sobre a cultura no país de Guatemala, a cargo de María Caride de Solidariedade Internacional de Galicia.


Séguenos