24/10/2016
Día 21 de outubro de 2016 das 10 da mañá ata á medianoite, na biblioteca de Escairón
O día 24 celébrase o Día da Biblioteca, e na biblioteca, debido ó éxito acadado en anteriores edicións, decidimos adiantar a celebración ó venres e non pechar en todo o día. Así tivemos actividades de moi diverso contido, empezando con visitas escolares ó longo de toda a mañá e non rematando ata pasada a medianoite.
Ás 10:15 chegou o primeiro dos grupos escolares (4º, 5º e 6º de Infantil do colexio de Escairón) e ás 11:15 o grupo da Escola Infantil Municipal, que viñeron coñecer a biblioteca e que se entretiveron e divertiron cos contos A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza, La princesa y la cerdita e Hay un cocodrilo debajo de mi cama.
Ás 12:15 chegaron os alumnos de 5º e 6º de Primaria, que despois de repasar o aprendido sobre O Saviñao na visita do ano pasado, continuaros vendo como é que un libro pasa a formar parte do fondo da biblioteca e se pón a disposición do público: como se atopa un libro a través da información contida na etiqueta. Etiquetamos varios libros que xa están colocados onde lles corresponde, a maior parte deles pertencen á colección Clásicos español-inglés=Classics Spanish-English. Ademais aproveitamos para invitalos a participar nas actividades da tarde.
Desde antes das 16:00, en que comezaba o obradoiro de debuxo, había participantes agardando por el.
Ás 17:00 o noso habitual obradoiro de origami, no que fixemos un cabalo saltarín e galopín e máis un lazo.
Ás 18:30 (despois da merenda) comezamos cos obradoiros científicos: a sesión de A Ciencia divertida con Nita (do repertorio do programa Ler conta moito) e obradoiro de Fibonacci.

Escoitamos o conto do globo vermello e fixemos varios experimentos con globos. Logo o conto da Estreliña e fixemos máis experimentos relacionados: como facer estrelas e unha lámpara de lava fosoforescente. Foi sorprendente e moi divertido.
Ás 20:30 concurso colaborativo por equipos con preguntas e probas para conseguir os materiais para o último obradoiro da noite (o dos selos de goma eva).
Ás 22:00 logo dunha apetitosa cea, para que a fame non acabara coas ganas de diversión, saímos buscar á rúa a Anxo Moure que veu participar na nosa festa coa súa Titiricleta (tamén do repertorio do programa Ler conta moito). Con el soubemos da guerra, da paz, da solidariedade e divertímonos paseando na súa orixinal titiricleta.
Ás 23:00 relaxámonos un pouco co obradoiro de selos de goma eva. Gustounos tanto como quedaron que decidimos incluír na nosa cápsula do tempo unha representación dos máis bonitos dos nosos selos!

Da man de Anxo Moure escoitamos contos solidarios e xogamos coa súa titiricleta: títeres, personaxes dos contos e paseos na bicicleta: como condutores ou como pasaxeiros. Foi moi divertido e non podía o sono con nós a estas horas!
Pasada a medianoite (coma sempre, rematando máis tarde do previsto) pechamos a nosa cápsula do tempo cunha conta atrás. Aínda que non foi o peche definitivo porque aínda faltaba incluír fotos das actividades, celebrámolo moito.
Agora queda esperar ata o ano 2025 para abrir esta cápsula de recordos e sorprendernos coas cousas que nos chamaron a atención. Pero a biblioteca segue aberta para todos os que participamos nesta xornada especial, para as súas amizades, familias e coñecidos.
Esperamos que o pasarades moi ben e qeu sigades vindo pola vosa biblio. Nós xa estamos pensando a ver como o celebramos o ano que vén.
Séguenos