EU Code Week Deep Dive Mooc 2020

Un MOOC é un curso en rede aberto e masivo estando deseñado para acoller un gran número de alumnado, adoita ser específico, focalizando nunha temática concreta,  amosando información de maneira moi visual cunha filosofía que permite chegar ao maior número de persoas democratizando o coñecemento. Este tipo de aprendizaxe en liña favorece unha aprendizaxe máis personalizada e flexible dentro dunha comunidade plural interesada nunha colaboración horizontal.

Nos MOOC atoparás información en forma de vídeos explicativos e terás que achegar o teu grao de area nas actividades propostas. Normalmente é moi enriquecedora unha avaliación entre pares proporcionando a retro alimentación que permita mellorar a proposta enviada.

O EU Code Week Deep Dive Mooc 2020 é unha iniciativa da European Schoolnet Academy para organizar unha actividade de aula no centro educativo que poida andamiar unha estratexia de centro para promover a inclusión da programación e do pensamento computacional entre o alumnado. Ofértase en inglés pero tes a posibilidade de facer consultas no foro en castelán.

Este MOOC ten una duración de un mes aproximadamente cun esforzo estimado de 5 horas por módulo, unhas 25 horas en total. 

Podes atopar 5 módulos e dentro de cada módulo, nun formato navegable sinxelo en pestanas, estarán os contidos en formato visual (imaxes, vídeos…) e textual acompañados de ligazóns e materal de consulta. As actividades son variadas e tentan promover a interación dos participantes así como o emprego das redes sociais para seguir tecendo contactos profesionais.

 

  • Módulo 1: Por que da codificación, o pensamento computacional e a iniciativa da Semana do Código de la UE. 
  • Módulo 2: Pensamento computacional e codificación desconectada. 
  • Módulo 3: Linguaxes de programación visual, Scratch e Python.
  • Módulo 4: Robótica, retoques e creación.
  • Módulo 5: Codificación para todos, desenvolvemento de aplicacions e conceptos básicos de informática. 
Preme na imaxe

Dentro do MOOC, ademais dos módulos, atoparás foros moderados en varias linguas para expoñer as dúbidas e discutir de xeito amigable. No apartado Wiki poderás realizar achegas coas túas ideas e experiencias diarias de aula facendo unha publicación conxunta entre todos os participantes.

Para dinamizar o curso realízanse eventos en vivo en formato videoconferencias que logo quedan gravados e a disposición dos participantes para a súa posterior revisión.

Nun mapa “Meet your peers” podes xeolocalizar iniciativas na túa proximidade xeográfica e tamén ter información sobre proxectos desenvoltos por outros docentes.

Noutra pestana poderás coñecer quen está detrás do curso, organizadores e moderadores co seu contacto profesional.

Revisar o teu progreso e evolucion é sinxelo cunha gráfica detallada por módulos, sempre poderás coñecer o teu estado actual dentro da formación.

A avaliación segue o sistema horizontal entre pares, sendo revisada a túa proposta de actividades por outros dous docentes europeos que farán unha valoración proactiva de entrega.

No caso de avaliación positiva e superación dos módulos obterás un certificado dixital da Unión Europea e da Universidade de Urbino, se estás admitido na actividade do CAFI tamén podes convalidala e acadar unha certificación da administración galega.