Novos aires formativos
A educación está a cambiar a unha velocidade vertixinosa introducindo conexións coa realidade social de tal forma que nos permita avanzar cara unha sociedade tecnolóxica, ben formada, cun pensamento crítico ben desenvolvido e preparada para facer fronte os retos futuros que poidan atoparse.
En Galicia, damos un gran paso adiante ao introducir a Intelixencia Artificial no currículo educativo. Desde o grupo de traballo creado este curso e integrado por profesionais das tres universidades galegas (A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo) e docentes especializados no ámbito tecnolóxico están a sentarse as bases para que a IA estea presente en todas as etapas educativas.
Hoxe, o Diario Oficial de Galicia recolle a incorporación da materia “ Iniciación á Intelixencia Artificial” como optativa para o curso 1º de bacharelato. É o primeiro paso que se deu grazas ao traballo do profesor Fran Bellas do CITIC e a pilotaxe do curso dentro do proxecto europeo Erasmus+ denominado AI+” Developing an artifical intelligence curriculum adapted to european high schools”
Neste vídeo amosa as principais liñas de traballo deste proxecto.
A nova materia implementarase en 1º de bacharelato, para estudantes preferentemente da rama das ciencias, cunha duración de 2 sesións semanais e estará dividida en tres grandes bloques:
-
BLOQUE 1. QUE É A INTELIXENCIA ARTIFICIAL
O primeiro está centrado nunha introdución conceptual e histórica ao campo da IA, xunto coa definición dos elementos básicos dun sistema deste tipo. A parte final deste primeiro bloque céntrase na busca de aplicacións reais da IA, co obxectivo de que os estudantes comprendan realmente que é, e que non é, un sistema baseado en IA desde a análise de exemplos concretos en diferentes áreas. Recoméndase que este primeiro bloque supoña aproximadamente un 20 % do tempo total da materia.
- BLOQUE 2. ÁREAS BÁSICAS DA INTELIXENCIA ARTIFICIAL
O segundo bloque é o máis técnico e nel descríbense as catro áreas principais da IA: percepción e actuación, aprendizaxe automática, representación e razoamento, e IA colectiva. En cada unha delas recoméndase que os estudantes desenvolvan solucións a problemas concretos utilizando diferentes ferramentas que están xa á disposición dos docentes en diferentes portais web e páxinas de recursos especializadas. Estas solucións implicarán programar algún tipo de sistema intelixente real ou virtual, ou parte del. Pero débese destacar que a programación non é o obxectivo desta materia, polo que a súa dificultade deberá ser adaptada ao nivel de coñecementos previos do alumnado neste eido. Suxírese empregar un 60 % do tempo total da materia para este bloque II, cunha repartición aproximada entre as áreas de: percepción e actuación (20 %), aprendizaxe automática (25 %), representación e razoamento (10 %) e IA colectiva (5 %).
- BLOQUE 3. IMPACTO DA INTELIXENCIA ARTIFICIAL
O terceiro bloque está centrado no impacto da IA, concretamente a tres niveis: ética, aspectos legais e sustentabilidade. Ao ser a IA unha área que afecta toda a sociedade dun xeito profundo, estes aspectos son moi importantes para os estudantes, xa que deben coñecer as repercusións que poden ter estes sistemas que «rivalizan» cos humanos en intelixencia á hora de formar parte da nosa vida diaria, tanto a nivel de usuarios como de creadores de sistemas de IA. Aconséllase que este último bloque supoña un 20 % do tempo total da materia, e que sirva para que os estudantes realicen actividades de reflexión e debate.
O novo curriculo ten un enfoque competencial, podes atopalo nesta ligazón para a súa consulta.
No vindeiro curso 2021-2022 os docentes galegos terán a oportunidade de formarse en IA escollendo diversas modalidades e actividades. Consulta o Plan de Formación 2021-2022 e realiza a túa inscrición en FProfe.