Aula Nova en Cullerciencia 2022

Cullerciencia é unha feira organizada  polo club de ciencia do CEIP Plurilingüe Ría do Burgo que reuniu no Paseo Marítimo do Burgo en Culleredo a alumnado, docentes, familias, científicos/as e público en xeral interesado na Ciencia e nos proxectos STEAM/STEAM.

Trátase dun evento impulsado polo propio alumnado do CEIP Plurilingüe Ría do Burgo e coa participación do Concello de Culleredo e colaboración de centros de educación Infantil, Primaria e Secundaria, Universidade así como diversas entidades relacionadas coa ciencia que estiveron presentes nesta xornada de divulgación. 

Esta feira, que xa  tivo lugar noutras edicións, ábrese nesta xornada a todo o público en xeral para que poida participar nas exposicións dos proxectos e en moitos obradoiros prácticos dos colexios e institucións colaboradoras como a Rede de Formación do profesorado de Galicia que estivo no stand 18.

Representando a esta rede formouse un equipo de traballo con 6 asesores do CFR Coruña, CFR Ferrol e CAFI en quendas de mañá e tarde en horario de 11.00 a 20.00 horas para unha atención personalizada dos interesados/as. Deste xeito, no interior da carpa habilitaronse dúas zonas de exposición:

  • Zona 1: Con actividades abertas e unha pequena exposición de robots educativos para Ed. Infantil e Primaria. Incluíron exposición e experimentación para desenvolver o pensamento computacional resolvendo pequenas situacións-problema empregando un robot de chan e un sistema de tarxetas.

Os robots están adaptados a idade dos nenos/as e son o TaleBot, Robobloq e MatataLab. Os dous primeiros len as indicacións das tarxetas e puzzles e reproducen as ordes recibidas emitindo sons. No terceiro o alumnado ten que ordear unhas fichas, seguindo unha secuencia lóxica que logo interpreta o robot.

  • Zona 2: Os participantes atoparon  propostas prácticas empregando dous tipos de robot (Mbot e RoboMaster). O obxectivo delas é potenciar o desenvolvemento de habilidades na programación gráfica por bloques. Propóñense dous retos, cada un con un robot diferente. Ambolos dous retos consistirán en completar unha secuencia de programación empregando unha linguaxe sinxela que terá como finalidade resolver o reto.

Reto Hackobeo

Inicialmente explicaronse aos participantes o entorno de programación e o procedemento a seguir para introducir o código.

Cada un dos retos dispón dun tempo estipulado durante no que cada participante poderá desenvolver a súa proposta e rematado ese tempo comprobarase que o funcionamento do robot correspóndese co esperado no reto proposto. Para os máis pequechos habilitamos unha secuencia de código predeterminada animándoos a empregar un “dedo máxico” para poñer a andar o robot e comprobar que facía o percorrido.

No reto Hackobeo o robot tiña que facer a derradeira etpa do Camiño de Santiago, entre Arca O Pino e Compostela e evitar os perigos para chegar a Alameda.

Ademáis dos retos púxose a disposición dos interesados/as a posibilidade de crear código propio que posteriormente poderán comprobar o seu correcto funcionamento.

A organización das quendas foi a seguinte:

    • Obradoiro 1-Xornada de mañá-11.00 horas-Reto Hackobeo
    • Obradoiro 2-Xornada de tarde-16.00 horas-Básico
    • Obradoiro 3-Xornada de tarde-18.00 horas-Avanzado

Os visitantes do stand e participantes dos diferentes retos robóticos foron agasallados con un pack formado por:

  • Chapa
  • Bolsa do Xacobeo
  • Libreta do Xacobeo
  • Bolígrafo do Xacobeo

O stand tivo unha gran aceptación e recibimos unha gran variedade de público interesado en coñecer os robots, a programación e manexo de cada un deles e as idades máis aconselladas para poder introducilos nas aulas nas etapas educativas axeitadas para cada caso.

Durante toda a xornada da feira o alumnado do colexio fixo reportaxes polos postos e mantivo unha conexión radiofónica en Twitch onde participoú a Rede de Formación.

https://www.twitch.tv/videos/1510447198