Actividades nos centros: visita do CEIP Víctor Sáenz de Mazaricos á necrópole megalítica de Pedras Miúdas no Camiño de Fisterra

Nina Alvela é Técnica de Cultura no concello de Mazaricos e ven de desenvolver unha actividade didáctica cos alumnos do CEIP Víctor Sáenz de Mazaricos, con motivo da súa participación no programa do Plan Proxecta “Educación Patrimonial-Mirando polo Camiño”.

O Camiño de Fisterra pasa polo concello de Mazaricos e Nina, encargada de protexer e divulgar o patrimonio do concello e quen mellor o coñece, estivo o día 18 no centro para falar con alumnos e profesores acerca do patrimonio cultural en xeral e tamén sobre os bens que forman parte do patrimonio do concello de Mazaricos.

O día 19 todos, profesores e alumnos, saíron ao Camiño de Fisterra e visitaron o Monte Aro onde se atopa un castro que leva o mesmo nome e dende poideron ter unha fantástica panorámica da paisaxe da contorna.

Tamén estiveron na necrópole megalítica de Pedras Miúdas en Corzón, onde Nina supervisou os traballos de limpeza que se fixeron como primeiro paso para unha futura posta en valor.  A necrópole de Pedras Miúdas ten once mámoas ou túmulos funerarios do Neolítico e atópase moi preto do Camiño de Santiago a Fisterra.

Para rematar a saída, visitaron a Ponte Olveira sobre o río Xallas que divide os concellos de Mazaricos e Dumbría e onde o 13 de abril de 1809 os veciños da contorna loitaron contra os franceses na Guerra da Independencia.

Os autores das fotos son os profesores do CEIP Víctor Sáenz. Podedes ver máis sobre esta actividade didáctica en: http://bibliovictorsaenz.blogspot.com.es/2018/04/conecendo-nosa-contorna.html