Gemola na Biblioteca Xabier Docampo
O pasado venres estivo con nós na Biblioteca Xabier P. Docampo a Gemola quen, con inefable dinamismo, fixo vibrar a todo o público co cantaxogo “Baixo a mesma cor”.

O pasado venres estivo con nós na Biblioteca Xabier P. Docampo a Gemola quen, con inefable dinamismo, fixo vibrar a todo o público co cantaxogo “Baixo a mesma cor”.

O pasado martes visitou a Biblioteca Municipal Xabier P. Docampo da Barcala a actriz Raquel Queizás. Ante un público atento e participativo contou tres contos cos que abríu as abertas as portas da mente para que poidamos pensar, reflexionar e cuestionarnos moitos dos comportamentos que vemos nas relacións cotiás entre os homes e as mulleres, entre os nenos e as nenas cada día. E todo isto dun xeito amable, orixinal e tamén divertido. Ao remate, recomendounos varias lecturas e nós… atenderemos á súa recomendación! Grazas, Raquel!

O pasado venres tivo lugar na Biblioteca Xabier Docampo un interesantísimo encontro de Pablo Giménez, da Academia Átomos, cun grupo de nenos e nenas que se achegaron á biblioteca para descubrir e asumir os segredos da robótica. Esta exitosa proposta fixo que se cubrisen todas as prazas existentes para a realización da actividade e os/as participantes levaron unha fantástica impresión (tamén 3D!) para as súas casas.





O venres 18 realizouse un programa de radio, en directo, desde a Biblioteca.
“Radio Bulebule transmitindo para o mundo en linguaxe universal”!
Axenda cultural, música, moda, coa información das últimas tendencias… E música, moita música co extraordinario Paco Nogueiras. Pelos, melena, melena, pelos!.
Non faltaron as chamadas dos ouvintes que pedían cancións… Movendo a perna, movendo o pé!…
Tamén houbo un oco para a ciencia, coa canción correspondente.
E como non, o concurso de Radio Bulebule, cunha gañadora entre o público.
Ademais, a sección de deportes, o tempo.
Unha tarde xenial!!!




O venres día 11, pola mañá, alumnado de 1º de ESO do IES Afonso X de Cambre, participou na biblioteca dunha amena e fructífera charla sobre o machismo, o feminismo, a vilolencia de xénero, a igualdade de sexos… Todo dende a perspectiva da narración oral. Caxoto remontouse á situación da muller e o home na época da súa avoa e foina comparando coa actual. Unha forma moi didáctica de ver as dúas realidades.
Unha actividade onde non só se escoitou, tamén se opinou.
Pero Caxoto é un gran narrador oral e así nos manifestou as súas dotes rematando cun conto do ciclo artúrico, no que esta vez sí triunfa na muller o poder decidir.
Temas todos moi interesantes para tratar co alumnado destas idades.
Laura Alonso conseguíu captar a atención dos participantes neste obradoiro poñendo a proba a creatividade de todos/as. Despois de facer unha introdución sobre o mundo dos superheroes cada un dos participantes colleu papel e lápiz para deseñar a súa propia personaxe. Cambre xa ten, agora, os seus superheroes e superheroínas!!





O venres 27 de setembro, adultos, nenas e nenos traballamos coas mans na Biblioteca. Estivemos dedicados á papiroflexia durante hora e media. E disfrutamos!
Miguel Cortés ensinounos a facer cestiños, grullas, rás,…con papeis de cores e sen tesoiras nin pegamentos.
Partindo de 3 premisas: atención, precisión e pacencia, podemos conseguir facer o que nos propoñamos.
Atención para seguir as indicacións de quen nos ensina; precisión, na realización, doblando o papel tal como nos indican. Ademais hai que ter pacencia e calma para realizar o traballo.
Dobreces, máis dobreces, e así obteremos o cadrado máxico, e se lle damos a volta ao papel, teremos un triángulo… A partir de aí, está calquera figura.
Esta arte de dobrar papel é orixinaria de China, logo chegou a Xapón para integrarse na tradición xaponesa e na actualidade está ao alcance de quen a queira disfrutar.
Unha actividade moi ben dirixida por Miguel Cortés e moi ben acollida por adultos, nenas e nenos.
Cada asistente saiu da Biblioteca cun cestiño, unha grulla e unha rá saltarina.



O venres 20 de setembro tivemos na biblioteca unha actividade moi interesante. A partir do cartón dunha caixa de zapatos puidemos construir dragóns de moi diferentes tipos, tamaños e cores.
Só precisamos o cartón, un rotulador, tesoiras, cinta de papel adhesiva e unhas directrices que sabiamente nos proporcionou Antonio Rodríguez Arenas, de Mircromina Teatro de Títeres.
Ao remate do obradoiro nenas e nenos comprenden con claridade o paso de 2D a 3D, como se pode lograr unha figura tridimensional partindo dunha tira de cartón.
Cada participante deixou voar a súa imaxinación e personalizou as figuras ao seu xeito.
Un obradoiro moi creativo e moi ben conducido por Antonio.
Todos levaron para a casa as súas creacións.



O martes 30, na biblioteca comezamos moi ben a mañá, asistindo a un encontro coa autora Eva Mejuto. Expectantes, un grupo de mozas e mozos de 2º de ESO.
Baixo o título de “TRANSformando o mundo” achéganos a profundizar e reflexionar sobre a diversidade sexual. Tomando como punto de partida a súa novela xuvenil 22 segundos, vai desenvolvendo cuestións como a identidade de xénero e a orientación sexual a partir do protagonista da historia, Álex. Tamén as canles FTM en Youtube, a testosterona…
Comeza compartindo coa mocidade asistente o por que da súa historia, como xurde, que a leva a escribir esta novela. Hai que destacar que é un proxecto, ata o de agora, pioneiro na producción editorial galega dirixido a lectorado xuvenil.
Vai intercalando aspectos literarios da obra coa distinta terminoloxía do tema. Interesa da novela o que conta e como se conta. A voz narrativa, a extensión dos capítulos, a estructura, os personaxes, tanto os presentes como os ausentes, o estilo…
Compara o paralelismo que se da entre a estructura dunha novela e a dunha serie de televisión, dando pé a ver con claridade certos aspectos da novela.
Eva Mejuto consegue crear un ambiente entusiasta entre a mocidade asistente. Transmite moi ben a necesidade de TRANSformar o mundo. Un encontro que resultou xenial.



O venres 26 de outubro, na Biblioteca Municipal Xabier P. Docampo pechamos as celebracións do Día da Biblioteca coa actividade de Luis Vallecillo e Celtia Millán.
Música, contos, cancións e canta-contos, intercalados con historias das bibliotecas. Facendo mención especial á primeira biblioteca, a de Alexandría. A modo de conto sitúannos na época de Alexandro Magno, das táboas e dos pergameos, así ata chegar á actualidade e falar da nosa biblioteca, que leva 20 anos compartindo historias cos lectores e lectoras dende aquel 20 de febreiro de 1998, data na que o goberno municipal daqueles anos a inauguraba, en presenza do recentemente desaparecido Xabier P. Docampo, de quen leva o nome.
Apagamos as velas en cantamos “parabéns para ti”…
E rematamos con torta de cumpreanos para compartir entre o público asistente.
Pasamos unha tarde divertida na que Luis Vallecillo lembraba constantemente que a esta actividade viñamos sobre todo a pasalo ben. E así foi.
Actividade moi axeitada para poñer en valor as bibliotecas, nesta semana dedicada a elas.


Séguenos