23/10/2018
Día 19 de outubro de 2018 das 10 da mañá ata case a medianoite, na biblioteca de Escairón
Na Biblioteca Pública Municipal do Saviñao, despois do éxito acadado nas catro edicións anteriores, volveremos adiantar o Día da Biblioteca e celebrar o Día da Biblioteca – Noite na Biblioteca, con actividades de moi diverso contido, empezando con visitas escolares ó longo de toda a mañá e non rematando ata case a medianoite.
Este ano acompañáronnos o autor e intérprete Daniel Blanco Chapela de ThemomentoImpro e a narradora Fátima Fernández (ámbolos dous do repertorio do programa Ler conta moito), que visitaron a Biblioteca cun obradoiro teatral a partir de 10 anos e cunha sesión de contos para toda a familia.
Este foi o Programa completo:
- 10:00-14:00 Visitas guiadas con grupos escolares
- 14:00-17:00 Microvisitas guiadas para calquera persoa que acuda á biblioteca
- 17:00-20:30 Obradoiro de improvisación teatral con Daniel Blanco de Themomento Impro (a partir de 10 anos) (inclúe merenda)(do programa Ler conta moito)
- 17:00-18:30 Obradoiro de origami-tsumami (público a partir de 5 anos, xuvenil e adulto)
- 18:30-19:00 Merenda infantil
- 19:00-20:30 Contacontos-obradoiro (de 5 a 10 anos e público adulto acompañante)
- 20:30-21:00 Representación do obradoiro de imprvisación teatral
- 21:00-22:00 Os contos da nai da miña nai con Fátima Fernández (público infantil, xuvenil e adulto) (do programa Ler conta moito)
- 22:00-22:30 Cea infantil
- 22:30-23:30 Obradoiro -Torneo de mini-quidditch
- 23:30-00:00 Xogos – Despedida
- 00:00 Despedida
Visitáronnos os estudantes de 4º e 5º de Infantil, que aprenderon onde están os libros axeitados á súa idade e como poden lelos ou levalos para a casa. Ademais, os de 5º e 6º de Primaria, aprenderon que, ás veces, nos podemos atopar con libros obsoletos, que conteñen datos incorrectos ou que están en mal estado, polo que despois de escoitar que se poden retirar da biblioteca, axudáronnos a seleccionar de entre algúns dos que tiñamos listos para retirar, aqueles que na súa opinión SI debemos retirar e aqueles que NON. Sorprendentemente, houbo algún bastante deteriorado que recibiu o seu indulto porque é moi divertido, tén debuxos moi bonitos e ademais pode axudar ós máis pequenos a aprender. Algún, aínda que está moi chulo, está demasiado vello e roto, polo que non queda máis remedio que retiralo. Grazas por axudar á biblioteca coa difícil tarefa de expurgo (que é como se chama a esta retirada de libros), pois a opinión dos principais destinatarios dos libros que analizamos é moi importante.

Despois das visitas guiadas do mediodía, ás 17:00, xusto antes de empezar cos obradoiros de tsumami e de imrovisación teatral de Daniel Blanco, tivemos videoconferencia con Loli, a nosa querida monitora de origami desde Escairón a Kioto (Xapón).
Logo da merenda, continuou o obradoiro teatral e tivemos contacontos cunha eiruga moi larpeira, que rematou cun obradoiro de manualidades e un xogo de mesa.
Cando ás 21:00 chegou Fátima Fernández cos seus contos quedamos todos e todas coas bocas e as orellas moi abertas, menudas cousas que nos contou! Superxenial e megafantástico ou megaxenial e superfantástico, en palabras dalgúns participantes.
Despois de cear unhas deliciosas pizzas, adentrámonos no mundo de Harry Potter e o quidditch establecendo un torneo entre todas as casas de Hogwarts.
Rematamos a festa case á medianoite coa promesa de volver á biblioteca atopar novos misterios, aventuras e sorpresas.
Como vén sendo costume, pais e nais tiñan máis ganas de ir durmir que os máis pequenos da casa.
Esperamos que o pasarades ben e que sigades con ganas de visitar a vosa biblio. Nós xa estamos pensando como celebralo o próximo ano.
Agradecemos de corazón a vosa participación nas actividades e esperamos que o pasarades moi, moi ben.
Séguenos