Xa vos adiantamos algunhas fotografías do aspecto desta nova montaxe do CDG. Gustouvos a escenografía onde se desenvolven os nosos actores e actrices?
Carlos Alonso foi o encargado de deseñar tanto e espazo escénico como os figurinos da que será a primeira produción da compañía pública galega para este ano 2015. Un dos máis destacados e recoñecidos escenógrafos galegos, este gran profesional acompañou a Cándido Pazó no seu percorrido polas táboas nos últimos anos, compartindo os méritos da súa celebrada traxectoria.
Para o deseño de Xardín suspenso, o simple título xa lle deu o punto de partida para se poñer mans á obra. Ademais, o propio Abel Neves describe o lugar na primeira anotación do texto orixinal: “chan cuberto de area, ben alisada e cunha composición dalgunhas pedras, poucas, lembrando un despoxado xardín zen”.
Tratábase, en definitiva, de traballar con ideas minimalistas, onde primase a limpeza de liñas e o atrezzo simple, onde o conceptual fose o menos posible. Non obstante, a verdadeira dificultade estaba na area, non só pola complicación técnica do seu transporte (sobre todo, cara a planificar a montaxe e a desmontaxe do espectáculo durante a xira), senón tamén porque estas pequenas partículas de rocha manchan e soltan moito po. Despois de moitas pescudas, localizouse un tipo de area nunhas canteiras de Verín que, sometida a un proceso de lavado, resultou máis limpa.
Polo que respecta ao vestiario, Carlos Alonso móstrase moi satisfeito. Como pequena curiosidade, dirémosvos que algunhas das pezas pertencen ao seu propio fondo de armario, ese que foi creando ao longo de anos de bagaxe. Basicamente, son prendas contemporáneas, que reflicten a clase social alta e culta á que pertencen os personaxes. Pero iso si, teatralizadas en composicións de cor, ton e volumes.