Arquivo da categoría: Sobre a obra

A vida de cada un é unha historia

Tras o inicio da xira en Narón a pasada fin de semana, e mentres agardamos a función do venres 17 no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, César Cambeiro (actor que interpreta o papel de Alberto) comparte connosco as súas vivencias sobre a posta en escena:

En Xardín suspenso cada un arrastra a historia da súa vida. E cada un depende, pensa e reacciona segundo a súa propia visión da súa propia historia.

Cada un é o resultado do que a súa vida foi filtrando: Mariana, a sensatez inconsciente; Lucinda, tamén unha sensatez pero inxenua; Alberto, un sentido común de cuadrícula, estereotipado; Mateo, unha formalidade práctica que busca a utilidade; Paula, unha mundoloxía de Perogrullo. E a todos lles resultan inútiles estas súas ferramentas para enfrontárense ao que teñen diante. Construíron un mundo incapaz de diagnosticar os seus verdadeiros problemas, e no que ninguén está disposto nin preparado para mover os marcos do seu propio cerebro.

E en todos estes mundos, nos que cada un ten tan claras as súas propias ideas, non hai cabida para a historia de Lucía. A historia dos sentimentos en estado puro, e que dentro da súa coherencia acaban sendo levados ao extremo, non atopa cabida nun mundo preconcibido, dominado pola falsa seguridade da rutina, do que xa cada un ten aprendido, e incapaz de ver e de afacerse á naturalidade, á vida en evolución, incapaz de integrar a autenticidade do lado máis descarnado e espido da condición humana, da persoa que está con eles e que os desborda coa súa humanidade, de Lucía.

O espectáculo Xardín suspenso empezou como un tren desbocado; despois pasouse de freada, pero axiña encontrou o punto de equilibrio no que está e que lle permite gozar dunha navegación pracenteira en cada representación. Así se senten os personaxes e mais as actrices e os actores que os transportan.

En Santiago de Compostela, no Salón Teatro, ao longo do mes de marzo, sentimos o gozo de facer nosas as vivencias de Xardín suspenso, un gozo que nos segue invadindo nunha xira que xa comezou.

Felices e pracenteiras singraduras nesa osmose máxica de intercambio e comunicación entre personaxes e público. Que en cada función, cada vez que se dá este fenómeno, todas as palabriñas chegan moles ao corazón.

Seguímonos vendo.

Últimas tres funcións en Santiago

«Os verdadeiros mestres do teatro son os máis doados de encontrar lonxe do escenario». Así comeza o manifesto que o director polaco Krzysztof Warlikowski preparou para conmemorar hoxe, venres 27, o Día Mundial do Teatro. E que mellor maneira de celebrar esta efeméride que vir a ver a última produción do CDG, Xardín suspenso.

Non perdas a oportunidade, pois esta fin de semana se despide da súa casa no Salón Teatro de Santiago, ofrecendo as súas tres últimas funcións que terán lugar hoxe venres e mañá sábado ás 20.30 horas, e o domingo (día do espectador) ás 18.00 horas.

A montaxe do CDG visitará, a continuación, outras nove localidades galegas: Narón (Pazo da Cultura, 11 de abril), O Barco de Valdeorras (Teatro Lauro Olmo, 17 de abril), A Estrada (Teatro Principal, 24 de abril), Pontevedra (Auditorio Sede Afundación Pontevedra, 29 de abril), Vigo (Teatro Afundación Vigo, 6 de maio), Tui (Teatro Municipal, 8 de maio), Rianxo (Auditorio Municipal, 15 de maio), Ourense (Teatro Principal, 16 e 17 de maio) e A Coruña (Teatro Rosalía Castro, 22 de maio). E rematará o seu período de exhibición no Teatro D. Maria II de Lisboa (sala Garrett, do 28 ao 31 de maio).

O que destacaría eu do espectáculo é…

Dá gusto ver xente nova no Salón Teatro. Alumnos e alumnas de diversos centros de ensino de Monterroso, Vedra, Maside, Arzúa, Santiago de Compostela, Caldas e Padrón ocupan estes días as butacas da sede física do CDG para gozar das funcións especialmente concertadas para eles de Xardín suspenso.

Os demais temos que agardar, só un pouquiño máis, polas tres novas funcións para público xeral desta fin de semana: venres 20 e sábado 21, ás 20:30 h, e sábado 22, ás 18:00 h. E para amenizar a espera, aquí vos deixamos algunhas impresións de profesionais e estudosos da escena que xa viron a montaxe galega da obra de Abel Neves:

Rui Madeira (Director da Companhia de Teatro de Braga)

Algunhas palabras sobre un xenial espectáculo… Si, pódese morrer de amor. Hoxe.
Como se pode amar ao Teatro. Como se pode amar á Palabra. Como se pode amar ás persoas. A Palabra mata.
E da morte quédanos a memoria, a morriña. E as cinzas lévaas o vento, que desfai as dunas e que nos chirlan nas “ventás”, como paxaros mecánicos no Xardín.
Si. Os xardíns están suspensos e secos, porque fai xa moito que non sabemos tratar de nós.
Dos xardíns, réstanos a sensación de perda, do Edén, do Prohibido. Desconfiamos do son dos paxaros, porque xa non voamos. Sucumbimos entre unha idea de Paraíso Perdido e unha medieval sensación de noite. Fuximos de nós. Desvalorizamos a Palabra, perdemos o sentir. Estamos suspensos e vagamos entre unha saudade ancestral de campo, de Comunidade e un desexo forzado de global Deserto.
É aí, exactamente neste punto, que Abel Neves, Cándido Pazó, e os actores TODOS nos agarran. Sacódennos e obrígannos a pisar Terra firme. Convócannos para a celebración do Teatro dos Sentimentos, onde a Palabra conta e as persoas son aínda Persoas.
Sexamos pois Persoas e participemos na Celebración!

Quico Cadaval (Director escénico)

En Xardín suspenso, aparecen algúns dos obxectos de consumo desta transmodernidade que habitamos, a ópera, o budismo zen e o turismo instantáneo, son cousas que custan cartos, pero, que segundo din as revistas, pagan a pena. A protagonista, excelentemente agonizada por Melania Cruz, propón un lugar no que se confunde a paz e a esterilidade: o xardín zen de consumo inmediato. Crea un lugar do seu desprezo, da súa superioridade estético-existencial sobre os demais, o que se chamada, fuxida existencial de andar-por-casa. O xardín estéril expulsa a todos e a todas do sistema solar da protagonista. Así é como Cándido Pazó fai evolucionar por unhas pasarelas periféricas aos outros personaxes nunha danza patético-ridícula, con trazos de humor que alivian e explican o longo suicidio fadista. Todos danzan arredor da inmóbil que, intentando xustificarse, agás á avoa, que quere salvala sen entender, e á outra moza que, representando o sentir dunha parte importante do público, manda á protagonista á puta-que-a-pariu.
Ana, César, Santi, Rocío e Luísa interpretan fantasticamente a danza das pequenas criaturas apañadas pola vampira psíquica Melania que actúa desde o seu xardín estéril.

Inma López Silva (Escritora, crítica e investigadora teatral)

De Xardín suspenso eu quedo coas interpretacións actorais, especialmente coas daquelas a quen considero protagonistas: Melania Cruz e Luísa Merelas. Cruz, no papel de Lucía, ten a dificultade de transmitir unha fondura emocional que excede o texto e os acontecementos da trama, mentres que Merelas, que acadou ese momento culminante da madurez interpretativa, dá coa clave dunha avoa que recolle a dimensión do non dito, do non expresado, da causa última desa extrema vontade como xesto de liberdade que leva a Lucía a encetar unha particular e significativa forma de suicidio na que o personaxe evolúe. Magníficas.

Xaquín Núñez Sabarís (Profesor da Universidade do Minho)

Abel Neves aborda en Xardín suspenso a nosa dificultade para domesticar os demos propios, aqueles que se agochan tras a nosa pax burguesa e que emerxen no momento menos esperado. O xardín, como metáfora, vainos descubrindo unha intriga cuxo desenlace imos adiviñando desde os primeiros compases, no entanto, como en García Márquez, a tensión dramática provén da espiral que vai paulatinamente envolvendo ás personaxes, desvendando aspectos intuídos e facéndonos partícipes dos silencios e omisións, nos que se apoia a fráxil e convencional felicidade familiar –magnificamente representada polo elenco actoral-.
O xenio creativo de Neves e a excelente dirección de Pazó conxúntanse para dar corpo a esta peza que vai tecendo a rede, cada vez máis mesta, dos intercambios teatrais entre Galicia e Portugal, para dar conta en escena das nosas historias, dos nosos dramas.

 

Feliz día do pai

Tanta conta que un pon co que di, co que fai, tantos coidados para facermos a vida máis boa de levar, máis apetecida, tanta xentiña a pasar fame e que sería capaz de se matar por conseguir unhas migallas do que ti desprezas e aí estás, a pasmar, mirando para unhas pedras, cada día máis fraca, máis ensumida, e sen que ninguén poida arrincarte desta merda de xardín! Sen que ninguén entenda polo menos que demo che pasou para acabares nese estado! Se é unha brincadeira, é de moi mal gusto e non penso tolerala! Levamos… xa non sei canto tempo aturando esta trangallada. O Mateo vai casar de aquí a tres días e ti o único que sabes facer é beber auga de vez en cando e estares aí, coa vista perdida, a mirar para o infinito, para o vacío ou… eu que raio sei! Xa me dixo a túa avoa que lle tiñas falado do vacío. O vacío! Eu é que xa teño a cabeza reventada de non entender que merda pasa aquí!

Con estas palabras, e desesperado polo fracaso en todas as súas estratexias por tentar comprender e axudar a súa filla Lucía, por querer saber por que se atopa nese estado de postración, por que non está alegre, Alberto (César Cambeiro) pon de manifesto as dificultades de comunicación e entendemento no seo da familia.

Así que, aínda que non sempre nos entendamos, queda aquí o noso eloxio a todos os pais neste día tan especial para eles.

 

 

Recordando a estrea

Tras esta primeira fin de semana de representacións, queremos recordar convosco algúns dos momentos vividos durante a función de estrea, tales como a espera do público entre o que se encontraba o autor do texto, Abel Neves, acompañado de Jacobo Sutil, director da Agadic, e de Manuel Guede Oliva, director do CDG, minutos antes do comezo; os aplausos ao elenco e ao equipo técnico; as felicitacións finais no ambigú…

 

Listos para subir o pano

E chegou o momento.

Cos nervos a flor de pel, pero tamén coa tranquilidade do traballo feito, o equipo técnico e artístico ao completo está desexando mostrar os espectadores o resultado de semanas de moita entrega e ilusión.

En poucos minutos o pano do Salón Teatro de Santiago de Compostela (Rúa Nova, 34) subirá para acoller a primeira función de Xardín suspenso. Ademais, contaremos coa presenza dun convidado de excepción: Abel Neves, autor do texto e un dos dramaturgos contemporáneos de referencia en Portugal.

E tras a estrea, a montaxe permanecerá no escenario compostelán ata o 29 de marzo, onde se ofrecerán outros oito pases para público xeral (venres e sábados, ás 20.30 horas, e domingos, ás 18.00 horas) e catro matinais, concertados con institutos de toda Galicia para os seus alumnos de bacharelato (mércores e xoves, ás 11.00 horas).

A venda anticipada de entradas está dispoñible a través da web entradas.abanca.com, así como na billeteira central do Teatro Principal, aberta de martes a sábado de 18.00 a 21.00 horas. No despacho de billetes do Salón Teatro, poderán adquirirse os días de representación desde dúas horas antes do comezo da mesma. O seu prezo é de 10 euros os venres e sábados (con descontos do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xove e desempregados) e de 5 euros o domingo, día do espectador.

Esperámoste!

(*Na imaxe, o equipo técnico e artístico de Xardín suspenso)

O que contamos de “Xardín suspenso”

A poucas horas de que se abran as portas do Salón Teatro para recibir o público na estrea desta noite, achegámosvos a nosa visión do que deu de si a presentación diante dos medios de comunicación.

Participaron no acto o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, acompañado polos responsables da Agadic e do CDG, Jacobo Sutil e Manuel Guede, polo director do espectáculo, Cándido Pazó e, en representación do elenco, por Melania Cruz, Rocío González e Santi Romay. Reunidos no xardín zen no que se desenvolve a montaxe, todos eles recalcaron o esforzo empregado na obra e as ganas de ver, por fin, o proxecto enriba dese mesmo escenario.

Intercambio. Esta foi unha das palabras máis mencionadas diante dos xornalistas. Así, Manuel Guede, falou de “diálogo, camiños para o encontro e mecanismos de intercambio,” en relación co acordo institucional asinado entre o CDG e o Teatro Nacional D. Maria II de Lisboa para compartir autores fundamentais entre as escenas galega e lusa. Deste xeito, ao tempo que os nosos actores levan ás táboas a obra do portugués Abel Neves, o principal teatro público do país veciño está a preparar a adaptación lusa de Saxo Tenor, de Roberto Vidal Bolaño. “Ambas as dúas son obras canonizadas, revisadas e con crítica; son representacións incontestables do que se fai en Galicia e Portugal”, destacou Guede Oliva.

Na súa quenda, Cándido Pazó mostrouse orgulloso do resultado final, froito de meses de moito e intenso traballo. Agradecido polo trato recibido no CDG, “como na casa”, recalcou que en Xardín suspenso “o que non pode estar a pasar está presente en cada escena, de tal forma que a inexistente busca de solución fai que a traxedia se precipite”. O último Premio da Cultura Galega de Artes Escénicas explicou que se trata dunha obra que dá lugar a moitas lecturas pois “máis que emoción, buscamos a conmoción; que a xente marche dándolle voltas á cabeza”.

Á súa vez, os tres actores presentes, moi satisfeitos co proceso de ensaios e co traballo en equipo, invitaron a todo o mundo a gozar do espectáculo que permanecerá en Compostela ata o domingo 29 de marzo. Melania Cruz, quen dá vida ao personaxe protagonista, aproveitou a ocasión para recordar as súas primeiras impresións do texto: “Xa a primeira vez que caeu a obra -en portugués- nas miñas mans impactoume moito. A segunda vez que a lin, impresionoume igualmente. E a terceira. E a cuarta…”.

Anxo Lorenzo pechou as intervencións incidindo non só na enorme calidade do texto, senón tamén no traballo realizado polo elenco de Xardín suspenso, do que dixo “vai ser mostra da vitalidade dos actores e actrices que forman parte do noso sistema teatral”.

Un escenario minimalista

Xa vos adiantamos algunhas fotografías do aspecto desta nova montaxe do CDG. Gustouvos a escenografía onde se desenvolven os nosos actores e actrices?

Carlos Alonso foi o encargado de deseñar tanto e espazo escénico como os figurinos da que será a primeira produción da compañía pública galega para este ano 2015. Un dos máis destacados e recoñecidos escenógrafos galegos, este gran profesional acompañou a Cándido Pazó no seu percorrido polas táboas nos últimos anos, compartindo os méritos da súa celebrada traxectoria.

Para o deseño de Xardín suspenso, o simple título xa lle deu o punto de partida para se poñer mans á obra. Ademais, o propio Abel Neves describe o lugar na primeira anotación do texto orixinal: “chan cuberto de area, ben alisada e cunha composición dalgunhas pedras, poucas, lembrando un despoxado xardín zen”.

Tratábase, en definitiva, de traballar con ideas minimalistas, onde primase a limpeza de liñas e o atrezzo simple, onde o conceptual fose o menos posible. Non obstante, a verdadeira dificultade estaba na area, non só pola complicación técnica do seu transporte (sobre todo, cara a planificar a montaxe e a desmontaxe do espectáculo durante a xira), senón tamén porque estas pequenas partículas de rocha manchan e soltan moito po. Despois de moitas pescudas, localizouse un tipo de area nunhas canteiras de Verín que, sometida a un proceso de lavado, resultou máis limpa.

Polo que respecta ao vestiario, Carlos Alonso móstrase moi satisfeito. Como pequena curiosidade, dirémosvos que algunhas das pezas pertencen ao seu propio fondo de armario, ese que foi creando ao longo de anos de bagaxe. Basicamente, son prendas contemporáneas, que reflicten a clase social alta e culta á que pertencen os personaxes. Pero iso si, teatralizadas en composicións de cor, ton e volumes.