O que contamos de “Xardín suspenso”

A poucas horas de que se abran as portas do Salón Teatro para recibir o público na estrea desta noite, achegámosvos a nosa visión do que deu de si a presentación diante dos medios de comunicación.

Participaron no acto o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, acompañado polos responsables da Agadic e do CDG, Jacobo Sutil e Manuel Guede, polo director do espectáculo, Cándido Pazó e, en representación do elenco, por Melania Cruz, Rocío González e Santi Romay. Reunidos no xardín zen no que se desenvolve a montaxe, todos eles recalcaron o esforzo empregado na obra e as ganas de ver, por fin, o proxecto enriba dese mesmo escenario.

Intercambio. Esta foi unha das palabras máis mencionadas diante dos xornalistas. Así, Manuel Guede, falou de “diálogo, camiños para o encontro e mecanismos de intercambio,” en relación co acordo institucional asinado entre o CDG e o Teatro Nacional D. Maria II de Lisboa para compartir autores fundamentais entre as escenas galega e lusa. Deste xeito, ao tempo que os nosos actores levan ás táboas a obra do portugués Abel Neves, o principal teatro público do país veciño está a preparar a adaptación lusa de Saxo Tenor, de Roberto Vidal Bolaño. “Ambas as dúas son obras canonizadas, revisadas e con crítica; son representacións incontestables do que se fai en Galicia e Portugal”, destacou Guede Oliva.

Na súa quenda, Cándido Pazó mostrouse orgulloso do resultado final, froito de meses de moito e intenso traballo. Agradecido polo trato recibido no CDG, “como na casa”, recalcou que en Xardín suspenso “o que non pode estar a pasar está presente en cada escena, de tal forma que a inexistente busca de solución fai que a traxedia se precipite”. O último Premio da Cultura Galega de Artes Escénicas explicou que se trata dunha obra que dá lugar a moitas lecturas pois “máis que emoción, buscamos a conmoción; que a xente marche dándolle voltas á cabeza”.

Á súa vez, os tres actores presentes, moi satisfeitos co proceso de ensaios e co traballo en equipo, invitaron a todo o mundo a gozar do espectáculo que permanecerá en Compostela ata o domingo 29 de marzo. Melania Cruz, quen dá vida ao personaxe protagonista, aproveitou a ocasión para recordar as súas primeiras impresións do texto: “Xa a primeira vez que caeu a obra -en portugués- nas miñas mans impactoume moito. A segunda vez que a lin, impresionoume igualmente. E a terceira. E a cuarta…”.

Anxo Lorenzo pechou as intervencións incidindo non só na enorme calidade do texto, senón tamén no traballo realizado polo elenco de Xardín suspenso, do que dixo “vai ser mostra da vitalidade dos actores e actrices que forman parte do noso sistema teatral”.