E-téxtiles

Durante os meses de febreiro e marzo estase a desenvolver na Aula Nova do CAFI o curso S1902007 Fedellando polo espazo maker. A primeira sesión foi conducida por Paola Guimeráns, Doutora pola Universidade Complutense cunha tese sobre “E-téxtiles e Educación”. Paola Guimeráns é especialista en educación maker e experta en deseño de interacción e tecnoloxía poñible, é dicir, dispositivos electrónicos intelixentes incorporados á vestimenta ou utilizados corporalmente como implantes ou accesorios que poden actuar como extensión do corpo ou a mente do usuario.

 

Co nacemento en 2005 da plataforma de hardware libre, Arduino, no Interaction Design Institute, en Ivrea Italia, coma un proxecto para estudantes titorizados por Massimo Banzi, abriuse unha porta a democratización da tecnoloxía. Arduino era máis lixeiro e máis económico ca outras placas con microcontroladores, ademais era de código aberto. Arduino facilitaría a aparición de novas ferramentas artísticas, educativas a baixo custo, adaptadas para o estudo dos e-téxtiles como Lilypad Arduino.