Decálogo COVID para Espazos Maker

25. Setembro 2020 Formación/Eventos

A docencia e as actividades dos espazos maker están condicionadas pola situación sanitaria da COVID19, por iso e pola súa incidencia na vida educativa é importante ter deseñado un pequeno protocolo en forma de decálogo práctico que poida ser aplicado de xeito inmediato, proporcionando unha cortorna educativa segura tanto para os docentes relacionados con estos espazos innovadores como para o alumnado que os emprega.

A nosa proposta parte dunha necesidade real que nos permita seguir desenvolvendo actividades ou visitas na Aula Nova, transmitindo o usuario unha sensación de tranquilidade e confianza na organización, por iso amosamos un mapa de usuario cun decálogo de propostas sinxelas que poidan ser de utilidade. Neste decálogo temos recollidos 10 puntos.

1.Porta de entrada e saída. Identifica e sinaliza as portas (entrada-saída) deseñando e propoñendo unha rutina de emprego aos asistentes.

2.Itinerarios de tránsito e sinalización. Dentro do espazo maker articula itinerarios de tránsito ou percorridos do alumnado deixando sempre as distancias recomendadas. Unha visualización gráfica en forma de cartelería e pictogramas axudará a comprendelo e interiorizalo mellor

3.Desinfección de mans e zapatos. Antes do inicio da actividade compre lavar ben as mans ou empregar unha solución hidroalcólica, tamén sería convinte dispor dunha zona previa de desinfección de zapatos cunha alfombra impregnada en desinfectante seguida dunha zona de secado para non esvarar e evitar caidas.

4.Desinfección inicial de equipos e superficies comúns de traballo. Compre ter todos os equipos ben desinfectados, podes usar produtos específicos para electrónica que non supoñan un problema de humidade.

5.Mascarillas e EPIs. As máscaras soas ou combinadas con equipos de protección individual (EPI) deben ser persoais e intransferibles. Temos que evitar tocarnos a cara (ollos, nariz, boca) cas mans e darnos de conta en todo momento das superficies que podamos tocar, evitando a saída da zona persoal.

6.Ventilación. Estabrecer correntes de aire que poidan removelo, podes deixar as portas e as fiestras abertas ou promover tempos de ventilación. Non é aconsellable o emprego do aire acondicionado.

7.Equipos de traballo e materiais individuais. Se fora posible dentro das circunstancias, asegurar un equipo persoal a cada participante para traballar dentro dos límites da súa zona, pode ser un kit de traballo específico ou ferramentas/máquinas relacionadas. Seguiríamos a mesma liña para os equipos informáticos ou dispositivos móbiles.

8.Mobiliario. Tenta transformar o espazo dispoñible redistribuindo o mobiliario respectando as distancias. As mesas deberán estar afastadas mantendo a distancia de seguridade recomendada, con zonas individuais. Xunto coas cadeiras, as mesas estarían desinfectadas para cada uso.

9.Cooperación dixital. O traballo entre membros do equipo non ten por que desaparecer ou quedar marxinado, pode transformarse adaptando o modelo presencial a un modelo mixto, introducindo ferramentas dixitais de comunicación e creación, potenciando as actividades na rede xunto cas aulas virtuais. Poden ser tamén moi axeitados o emprego de simuladores, laboratorios virtuais ou experiencias inmersivas.

10.Desinfección final. O remate da actividade compre aplicar un proceso de desinfección de equipos asegurando o seu uso para o seguinte grupo de usuarios. Os desinfectantes respectarán a natureza dos equipos e asegurán a eliminación viricida. Buscaremos a colaboración dos usuarios implicados no proceso.

Decálogo COVID Espazo seguro (preme na imaxe)

Ten visible estos dez pasos para lograr un espazo maker seguro.

Ante calquera síntoma relacionado ca enfermidade (tos, febrícula, dificultade respiratoria, malestar xeral, etc) non dubides en contactar co persoal sanitario e sempre consulta fontes informativas fiables. Podes atopar toda a información sanitaria relacionada coa COVID19 nesta ligazón.

Etiquetas

, , ,