As nosas historias… na BPM do Saviñao
Día 6 de maio de 2016 ás 18:30, na biblioteca de Escairón
Para celebrar o mes das Letras Galegas, e animar a participación no Certame Letras Galegas 2016 [que este ano se titula “Canta bichería!”], presentamos unha nova actividade:
As nosas historias
obradoiro de sombras chinescas
da man de Olga Abad
o 6 de maio, ás 18:30 na sala infantil
Co obradoiro de sombras chinescas “As nosas historias”, o que se buscou foi fomentar a creatividade, a escoita, e coñecer historias da nosa tradición oral. Ademais levamos para a casa, de recordo, as personaxes para que lle contemos a quen queiramos o conto no que se baseou o obradoiro: O galo Quirico (dispoñible na biblioteca para ler a casa).
O obradoiro, a cargo de Olga Abad serviu, ademais de para mellorar e liberar a nosa imaxinación e a destreza na creación das personaxes, para animarnos a participar no Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2016.
Tal foi o éxito da actividade, que ante a petición popular á voz de porfi, porfi decidimos seguir facendo sombras chinescas na biblioteca: o venres seguinte tivemos un obradoiro para elaborar máis personaxes, e o seguinte o noso propio teatro de sombras para xogar na casa.