26/04/2017
O Concello de San Sadurniño continuou antonte a programación iniciada o venres para celebrar o Día Internacional do Libro. Se ese día “Dada o Duende” deleitou cos seus contos á rapazada de entre 8 e 10 anos, o luns 24 de abril tocoulle a quenda a Artur Trillo con “Rosa Caramelo e outras historias”… historias ben entretidas e todas en clave de igualdade que se representaron para o alumnado máis pequeno do CPI.
Rosa Caramelo é o título dunha obra publicada en Italia hai máis de catro décadas que conta a historia dunha elefantiña que se rebela contra a tradición de que as elefantas teñan que medrar nun cercado, cheas de lazos de cor rosa, comendo flores e coidando a súa pel rosada.
Artur Trillo -dirixido por Paula Carballeira- conta tanto esta como outras tres historias combinadas con música en directo que axudan a crear unha atmosfera adecuada “para desmontar unha serie de ideas impostas e simplificadas, pero fortemente asumidas, sobre actitudes e aptitudes das mulleres e dos homes”.
A montaxe “Rosa Caramelo e outras historias” busca deste xeito fomentar a lectura pero tamén falar unha vez máis de coeducación, igualdade e da ruptura co concepto aínda moi enraizado na sociedade de que existen “cousas de nenos e cousas de nenas”

Séguenos