Cambre ‘Conta e canta’

A Biblioteca Central María Pita abriu este mércores 13 a programación de animación á lectura da rede de bibliotecas municipais de Cambre para o curso que comeza cunha tarde contos e cancións para público infantil e familiar.

A Biblioteca Central María Pita abriu este mércores 13 a programación de animación á lectura da rede de bibliotecas municipais de Cambre para o curso que comeza cunha tarde contos e cancións para público infantil e familiar.
Na tarde do mércores 5 de outubro a Biblioteca Municipal Central de Cambre contou coa presenza de Yolanda Castaño. Esta recoñecida escritora bosquexou para o público asistente a súa peripecia profesional, os obstáculos, prexuízos e conflitos que viviu na súa determinación de ser Muller, poeta, en galego e… Polo mundo!
Unha charla moi amena que ilustra a necesaria loita de emancipación feminina desde o celme mesmo da nosa literatura.

Na tarde do martes 5 de outubro a rapazada de entre 11 e 13 anos puido gozar dos fondos e servizos da Biblioteca Central Municipal de Cambre dun xeito moi especial. Antía Yáñez propuxo un divertido xogo de pistas que nos levou por toda a sala, descubrindo e rescatando lecturas ben saborosas. As rapazas e rapaces de Cambre demostraron os seus grandes coñecementos no uso da biblioteca.



Este mércores 29 de setembro, desde a Biblioteca Central Municipal de Cambre, viaxamos da man de Marta Ortiz a un máxico taller de costura para escoitarmos os vellos contos, coplas e cancións das mulleres que traballan nel.
Con fío, agulla e dedal enfíame un conto xa!


Este mércores, día 22 de setembro, tivemos na Biblioteca Central Municipal de Cambre a visita de Naturizo. Os libros e os contos puxeron ás nenas e nenos de Cambre en contacto coa natureza e o seu coidado nunha entretida sesión, da man da compañía Sarabela Teatro.


O martes 21 de setembro tivemos na Biblioteca Central Municipal de Cambre unha sesión ben interesante sobre as grandes aportacións de moitas mulleres ao desenvolvemento da ciencia desde a antigüidade aos nosos días. A compañía Ciencia en movemento trasladou ata Cambre o seu laboratorio para visibilizar dun xeito práctico e ameno a estas “Excelentes mulleres científicas”.


Onte ás cinco e media da tarde botaba a andar a programación de Ler Conta Moito na Biblioteca Central Municipal de Cambre. Dúcias de nenas e nenos puideron gozar dunha sesión de contos e cancións, a cargo de Fran Amil e o seu espectáculo “Contos de Chuches Amil”.


O pasado mércores tivemos en Cambre á escritora Antía Yáñez. A través do seu libro A reconquista, estableceu un diálogo moi fluido co público asistente deixando abertas as portas para a reflexión sobre a igualdade entre os nenos e as nenas e, tamén, para que nos cuestionemos certas prácticas de convivencia que, non por ser as cotiás, teñen que ser sempre as correctas. Unha sesión dinámica, amena e, sobre todo, moi participativa!

Onte pasamos unha tarde de medo na Biblioteca M. Central de Cambre grazas a Carmen Domech, que veu acompañada de Dona Antonia, unha velliña do máis curioso… Coas súas historias trasladámonos a diversos lugares e coñecemos o segredo fatal do home do saco, visitamos un cemiterio moi vivo e se non comemos pasteles, caramelos ou pizza foi porque a anfitriona ocultaba en cada ola miñocas caramelizadas, morcegos en almíbar e outras cousas polo estilo… Brrrr… En fin: unha tarde de contos… para pasalo de medo!!

O mércores 7, ás 19.00 h, tivo lugar na nova sede da Biblioteca M. Central de Cambre a primeira actividade de animación á lectura nesta etapa que agora comeza. Iniciouse con Elisabet Hillerud e cunha proposta destinada, fundamentalmente, ás integrantes dos clubs de lectura. Un elemento complementario das lectoras adoita ser un caderno para anotar ás impresións ou comentarios que non queren esquecer para debatir na tertulia. Deseñar o propio “Caderno de lectura con Zentangle” fai que a propia lectura teña un compoñente máis persoal. Todas seguiron as mesmas indicacións de Elisabet e, sen embargo, todos e cada un dos cadernos resultaron diferentes! Unha actividade ideal para fomentar a concentración e a relaxación nestes tempos de incertidume.



Séguenos