26/10/2015
O pasado sábado 24 de outubro, a biblioteca municipal de Cambados e todas as súas axencias de lectura uníronse para homenaxear aos libros e a lectura no Auditorio Municipal.
Así programouse una xornada matinal de teatro da man de Teatro dos Gazafelhos e os seus Contos de Lobo, grazas ao programa da Xunta de Galicia Ler conta Moito, coa que se pretendeu agradecer a todos os usuarios das bibliotecas axencias de lectura, o seu apoio e a súa participación en todas e cada unha das actividades que desenvolven ao longo do ano. Así pouco antes do comezo do espectáculo, rapaces asiduos da biblioteca leron un manifesto a prol da lectura e os libros, que este ano escribíu o Premio Nacional de Literatura Infantil 2014, Diego Arboleda, e a continuación premiouse aos lectores máis activos neste ano, cun lote de libros.
Ademais, os rapaces do taller de informática e creación de blogs “A Bitácora da biblio”, participaron activamente nesta celebración e mesmo gravaron cachiños do acto para participar no proxecto de Isabel Coixet “Spain in a day”, no que milleiros de persoas de España enviarán microvídeos do que estiveron a facer ese 24 de outubro, e cos que finalmente a directora realizará un filme.
O espectáculo “Contos de Lobo” foi todo un acerto… tratábase dun conto interactivo onde se mesturou a maxia, o circo ou a hipnose…Dous personaxes dispares pero no fondo parecidos “Mon e Pe”, acordaron para contar historias onde aparecían lobos… pero ao final un fixo maxia, outra hipnotizou, os dous fixeron acrobacias… e sobre todo conseguiron que todo o público rise a cachón!
Séguenos