A obra representada por Raquel Queizás foi todo un éxito.
Participarón a maioría dos rapaces da Veiga
O pasado venres día 23 de maio volveron vistarnos os Ratos de Lonxedetodo. E como sempre que nos visitan, o cheo e a diversión están garantizados. Lilí Gruyere chegou á mediateca para promover hábitos saudables na alimentación dende os contos e fomentar o uso da biblioteca e a lectura, obxectivos de “Aventuras na Cociña”, contacontos teatral protagonizado polos Ratos da Biblioteca.

Para complementar esta visita acompañamos cun centro de interese con libros de cociña para que os máis novos da casa poñan en práctica todo o aprendido da grande Lilí.
O mércores 21 de maio, dentro das celebracións das Letras Galegas, Gonçalo Guerreiro, da compañía Elefante Elegante, visitounos co espectáculo “O lobo bobo”. Foi unha estupenda actividade da que os máis pequenos non perderon detalle.
O 25 de abril, dentro das celebracións do Día Mundial do Libro, recibimos a visita de Fátima Fernández que nos trouxo a actividade “Érase unha vez uns zapatos…”. Fátima contounos varias historias e os pequenos divertíronse un montón.
Polo Correo do vento achegou ata a Axencia de lectura de San Vicente un divertido contacontos ilustrado no que se realizaba unha maridaxe entre a narración e a ilustración: mentres o narrador contaba a historia, o ilustrador realizaba un mural relacionado coa historia que se relataba.
Ao rematar o conto fixeron unha pequena rolda de prensa durante a cal os asistentes podían facer preguntas, realizar comentarios ou expoñer as súas queixas.
A actividade completouse cun mini-obradoiro de ilustración no que grandes e pequenos aprenderon a debuxar as personaxes da historia guiados polo ilustrador.
Finalmente, entre todos os nenos e nenas, colorean as escenas do conto realizadas polo ilustrador.
Unha fantástica mañá de sábado na Axencia de Lectura de San Vicente
A Biblioteca do CEIP Xose Luis Taboada da Barrela foi o lugar elexido para deixarnos levar pola imaxinación cos “CONTOS AO REVÉS”. Durante unha hora @s nen@s de Primaria interactuaron co rei dun lonxano pais no que as bruxas e os lobos eran bos, os príncipes feos e o rei da selva era unha muller e non un home.
A través desta sesión, uns 50 nenos e nenas traballaron dun xeito divertido e ameno a igualdade e o respecto.
Narración oral, tal e como a contaban hai máis de 2.000 anos en Galicia.
Leva ós nenos a un mundo imaxinario, sorpréndeos coa súa orixinalidade, consegue transmitir emocións, ás veces sorpresa, ás veces medo, coas súas descricións de personaxes e situacións variopintas, todo acompañado de moita tenrura.
O sábado pola mañá tivemos unha sesión de contacontos a cargo de Marisa Irimia “Contos de marmeleiro, anis e limón” .Historias cheas de maxia e emocións. Contos doutros tempos e outras falas, contos que nos fixeron gozar .
Pola tarde tivemos unha conferencia arredor da figura de Xosé Mª Díaz Castro por Concha Blanco “Entrando no calendario”.
Contacontos musical a cargo de Xandobela Teatro na ALM de Os Tilos o venres 16 de maio, a través dos textos de ‘Nimbos’ percórrese a traxectoria do poeta chairego Díaz Castro (homenaxeado no Día das Letras Galegas), cunha revisión actual, profunda e amena, á súa achega ás Letras e en especial á poesía e á tradución. Pensado para nenos e nenas a partir dos 8 anos. Acompañouse cun centro de interese preparado polo persoal da biblioteca de Díaz Castro e as Letras Galegas.
A Feira do Libro-Maio Cultural 2014 continúa coa súa programación conmemorativa do mes das nosas letras. Nesta ocasión foi o coñecido actor Avelino González quen presentou en Brión o seu espectáculo “Contos literarios”, que estivo especialmente dirixido aos alumnos e alumnas de 2º da ESO do IES de Brión. Ler máis →


Séguenos