O día 31 de marzo de 12 a 14 horas, quince investigadores de entre sete e doce anos visitaron a Biblioteca Municipal de Monforte de Lemos para recoller a información que lles permitiu levar a cabo importantes experimentos científicos. Pasaron dúas horas moi divertidas coas monitoras de IMAXINATIA que os orientaron en todo momento polo divertido e misterioso mundo da ciencia.
Tan contentos quedaron que esperan repetir a experiencia.
O día 27 de marzo David Gundín (GUN) entretivo ós cativos cun contacontos que buscaba achegarlles algunhas das obras máis coñecidas de Shakespeare, “Romeo e Xulieta” e “o Rei Lear”, dun xeito divertido e procurando en todo momento contar coa colaboración dos pequenos que o pasaron en grande convertidos nalgúns dos máis embleméticos personaxes do célebre autor inglés.
O 27 de marzo celebramos na Biblioteca Municipal de Poio o Día Internacional do Teatro, coa actuación especial do grupo Expresións Produccións, co seu espectáculo “Conto contigo”.Contos, maxia e monicreques estiveron presentes durante todo o programa.
O pasado venres, 27 de marzo, presentouse na Biblioteca da Silva, Violeta e a súa familia para descubrirlle as nenas e aos nenos de Cerceda un vello libro de cores e contos que nos fixeron cantar e rir e, crer que os problemas teñen solucións e que os soños poden ter todas as cores que queiramos.
O pasado venres 27 de marzo tivemos na Biblioteca Ágora unha actividade coa que quixemos celebrar o Día Internacional da Literatura Infantil e Xuvenil, e para o cal aproveitamos tamén as oportunidades que ofrece o programa Ler Conta Moito.
70 nenos e nenas, dos centros educativos CEIP Raquel Camacho e CEE Nuestra Señora de Lourdes – Aspronaga, foron protagonistas dunha xornada na que por un lado desenvolveron a proposta Ti tes moito conto!, organizada desde a Biblioteca coa súa colaboración, e por outro asistiron á actuación de Inácio, que nos deleitou cos seus contos do demo e coa contada da Nau Catrineta.
Con Ti tes moito conto! buscamos traballar en dous aspectos que cremos de interese para os hábitos do alumnado participante: dun lado o fomento da lectura a través do coñecemento lúdico de contos e historias clásicas ou de tradición popular; doutro, a colaboración e o traballo en equipo entre alumnos e alumnas de centros diferentes e de realidades que non son as que viven a diario.
Como diciamos, a actuación de Inácio foi un fin de festa estupendo para a actividade final que preparamos o pasado día 27. A súa capacidade de interacción cos nenos e nenas, o carácter acumulativo das historias relatadas -que facilitaba a participación activa nas mesmas- e o propio interese do contido fixo que todos e todas gozaramos dunha sesión ben divertida e proveitosa.
No marco do programa “Ler conta moito” o luns 30 de marzo ás 12 h, cunha Biblioteca ateigada de nenos e nenas, a compañía Sarabela Teatro representou “Conto Express”
Contacontos para rapazada a partir de 5 anos. Os contadores, Xanela Ocio, nos achegaron un mundo de contos tradicionais onde os roles de xénero se cambian. O personaxe da muller, neste caso “Tarzana”, respondendo a papeis onde teña que demostrar forza, intelixencia, e afrontar retos. En cambio, o masculino, neste caso “O lobiño carapuchiño”, situado nun contexto tradicionalmente feminino.
Por que non? Cambiando os papeis os contos tamén son fermosos, interesantes e gustan de ser escoitados.
Séguenos