O Mago Paco foi o encargado de celebrar con nós o Día do Libro.
Maxia, xogos, música, contos….. e algunha que outra sorpresa . Un espectáculo no que o público convértese en parte activa.
A diversión está garantizada para toda a familia a cargo diste gran showman.
O pasado martes 19 de abril contamos coa participación de Papi e Mami, sesión musical onde nenos e adultos puideron desfrutar cantando cancións sobre as letras do abecedario. Actividade que estivo acompañada dunha representación teatral.
No día do libro o colectivo de disminuidos físicos e psíquicos (ASODIFISI) visitaron a Biblioteca Pública de Mos para, a través do obradoiro “As letras na gaiola”, achegarse a lectura dun xeito diferente.
No día do libro os nenos que se achegaron ó CSC de Santa Marta de Santiago cociñaron un caldo de letras; onde ten un papel moi destacado o público, xa que son eles mediante a colaboración da monitora os que van creando historias a partir das letras do alfabeto. A entoación tamén xoga un papel destacado: puidemos ver como muda de significado a mesma palabra dependendo de como se diga. E para rematar o caldo fixeron a inicial dos nosos nomes con limpapipas. Había tanta xente que non se puido facer na biblioteca, houbo que facelo na Sala Magán do Centro.
Días 8, 15 e 22 de abril de 2016 ás 18:00, na biblioteca de Escairón
Para celebrar o mes dos libros, co Día do Libro Infantil e o Día do Libro, contamos cun obradoiro para axudar ós participantes a través do xogo coas palabras e a viaxe imaxinaria ao mundo dos contos a usar “Palabras creativas”.
Como o fixemos? Pois con xogos de palabras (o aforcado, pictionario, mímica, …) e exercicios de creación e improvisación (usando obrigatoriamente algunha das palabras que sairon nos xogos previos). Cada participante elaborou a súa historia na que aparecía un animal fantástico ou real, de xeito que poida presentala ó noso Certame das Letras Galegas. Con todas estas actividades ían acumulándose puntos no noso marcador colectivo, de xeito que se ó rematar o último día chegabamos ós 100 puntos seriamos declarados escritores creativos e divertidos.
Durante a última sesión, véspera do Día do Libro, fixemos a presentación oficial da Casa dos libros (que xa se podía ver xa na Sala Infantil da biblioteca), dándolle un último “toque” e enchéndoa de libros, antes de dala por rematada e ser usada como punto de intercambio de libros. Desde logo, uso démoslle pois foi a nosa pizarra dos xogos do último día.
Lamentablemente, nesta última sesión foron poucos os participantes por mor dun andazo que visitou esa semana o noso concello Pero as poucas que estiveron, recibiron o seu diploma de Escritoras creativas e divertidas moi contentas.
O obradoiro, a cargo de Arelar Xestión Socioeducativa (para participantes entre 6 e 12 anos) serviu, ademais de para mellorar o noso uso e coñecemento das palabras, para animar a participar no Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2016.
O pasado luns 25 de abril e para celebrar o día do libro, a B.P.M. El Viejo Pancho de Ribadeo recibiu ás nenas e nenos de primeiro de primaria dos colexios Gregorio Sanz e Sagrado Corazón de Jesús cun espectáculo moi especial, visitounos Lilí Gruyére! Esta vella amiga da biblioteca veu para recordarnos que as ratiñas e os ratiños de biblioteca ademais do queixo, encántalles ler contos e pasan horas e horas rebuscando e lendo os pequenos tesouros que atopan nos andeis das bibliotecas de todo o mundo. Lilí coñece mil historias e é unha experta contándoas. Coa axuda do seu amigo, o Coelliño Branco, Lilí narrou contos, fixo maxia, cantou cancións e ata nos aprendeu o himno do seu país, “Lonxedetodo” con coreografía incluída! Tamén as nenas e nenos e o profesorado que visitaron biblioteca colaboraron na representación do conto do Coelliño Branco. Unha mañá divertida e diferente na biblioteca, á que todo o mundo está invitado a explorar nos andeis coma Lilí para descubrir todas as historias, mundos, soños, personaxes… que se atopan en cada libro.
O día 25 de abril na Axencia de Lectura de San Sadurniño, Crearte Servizos Culturais propúxolles aos nenos e nenas de 10-11 anos un xeito distinto de descubriren a obra dun dos persoeiros fundamentais da nosa cultura. Nado en 1910 na Arxentina como fillo da emigración, Luís Seoane pasou a súa mocidade e xuventude en Galicia nun dos momentos de maior fervenza creativa. Unha época truncada pola Guerra Civil que o obrigarían a retornar á súa terra natal, desde onde continuaría sementando o galeguismo político e creativo. Escritor, avogado, xornalista, activista, ceramista -impulsou con Díaz-Pardo o Laboratorio de Formas do que xurdiría a segunda época de Sargadelos-, pintor e ilustrador… Seoane xuntaba nunha mesma persoa múltiples facetas que exerceu implicado en ducias de proxectos.
Á rapazada falóuselle principalmente da súa obra pictórica e de como contribuiu aos “ismos” gráficos coas súas cores planas e trazos en movemento, reflectindo en todo momento a Galicia máis desfavorecida, a mesma á que axudaba e defendía nos seus tempos de avogado mozo na Coruña antes do golpe de estado do 36.
A sesión, planificada seguindo a técnica do descubrimento guiado, rematou cunha actividade de creación, na que os nenos e nenas emularon o estilo de Seoane empregando cartolinas, tesouras e pegamento de barra.
A actividade desta mañá (26 de abril) optou polo formato do contacontos, se cadra o máis axeitado para as idades iniciais de escolarización. Rodeado de libros, o alumnado asistiu a unha narración interactiva pragada de personaxes misteriosos que ían saíndo entre sorpresa e sorpresa dunha maleta que semellaba non ter fondo. Lóxico se temos en conta que se trataba dunha maleta máxica, case tanto coma os propios libros.
Na biblioteca Municipal do Grove celebramos o “Día Internacional do Libro” na compañía de Trinketrinke Teatro.
Un nutrido grupo de rapaces e rapazas asistiron ao contacontos acompañados dos seus familiares, que tampouco quixeron perderse o espectáculo. “Riciños de Ouro e os Tres Osos” é un conto que nunca pasa de moda, imprescindible para a animación á lectura dos pre-lectores e primeiros lectores.
Unha divertida mañá de sábado na que grandes e pequenos o pasaron en grande escoitando contos, cantando, bailando e xogando co rato Fuco.
Séguenos