Participación intensa e continua dos nenos, sen duvida capta a sua total atención.
A actuación foi excelente en todo o momento, quedando con ganas de mais.
Narración oral, tal e como a contaban hai máis de 2.000 anos en Galicia.
Leva ós nenos a un mundo imaxinario, sorpréndeos coa súa orixinalidade, consegue transmitir emocións, ás veces sorpresa, ás veces medo, coas súas descricións de personaxes e situacións variopintas, todo acompañado de moita tenrura.
Onte pola tarde, na biblioteca municipal de Monte Alto, gozamos da compañía de Tareixa e Xacobe, os contacontos de Pavís Pavós, quenes, con moito, moitísimo agarimo, foron debullando contiños, rimas, poesías e cancións.
A pesar da tarde chuviosa, eles conseguiron facer da biblioteca un lugar cálido e seguro. Descubrimos canto lles gusta xogar á lúa e o sol; canto come o Polo Pepe e o gordecho que se está a volver; cantos amigos fixo o señor Coc mentres intentaba descubrir quen era. E tamén cantamos cancións coa axuda dos nosos dediños e duns axóuxeres artesáns que Xacobe e Tareixa prestáronnos para a ocasión.
O único que lamentamos foi ter que despedirnos dos nosos novos amigos. Esperamos poder velos pronto, pero mentres tanto levámonos á casa un montón de libros para seguir gozándoos en familia.
O venres 16 de maio tivo lugar a representación de Soñei que era unha árbore, a cargo de Avoa Youja. Trata do nacemento dunha árbore, contado todo con xestos e imaxes. A actuación estivo acompañada de música.
Nesta actividade participaron nenos menores de 3 anos.
O sábado 10 de maioás 12:00
tivo lugar o contacontos Contos ao revés a cargo de Xanela Ocio.
Os rapaces puideron disfrutar con esta actividade, aínda que podería ser máis amena e participativa.
María Lires co seu obradoiro de debuxo e pintura introduxo a un grupo de nenos no fabuloso mundo da ilustración dos contos.
o día 15 de maio, os cativos da parroquia de Guillade e da contorna,pintaron todo tipo de animais seguindo os consellos da ilustradora e asistiron asombrados ao nacemento dunha xirafa nun lenzo que representaba o ceo azul da sábana.
O pasado 16 de maio tivemos na Biblioteca Municipal Ágora da Coruña a ocasión de achegarnos novamente á poesía e á música de Aldaolado, o estupendo proxecto que as poetas María Lado e Lucía Aldao levan anos desenvolvendo, ao vivo, polo conxunto da xeografía galega. Na posta en escea, lúdica e divertida, desfrutamos dos versos de diferentes autores e autoras do país, dos das propias protagonistas do recital e da forma especial e fermosa na que a música da Velvet Underground, David Bowie e outros clásicos -fantástica versión de Rocío Jurado en galego, incluída!- dialoga cos recitados.
Por pouco habitual, por cercano ao público e pola vontade de desacralizar o texto literario e a propia condición de poeta, o formato que ofrecen as creadoras do espectáculo resulta especialmente interesante. Nelas están os xogos e as citas ás referencias da cultura popular de masas, coas que medramos e coas que convivimos. Nelas, tamén, a espontaneidade, a naturalidade e a frescura coa que se relacionan, desde o gozo, desde o pracer, cos propios poemas, cun sentido lúdico que non por iso lles resta intensidade e verdade á fondura dos textos.
O desenvolvemento da actividade na Biblioteca volveu demostrar a solvencia na posta en escea e a capacidade de conexión de Aldaolado coas e cos asistentes, para unha franxa de idade, ademais, ampla e capaz de conectar con adolescentes, adultos ou persoas maiores por igual.
O pasado día 14 de maio ás seis da tarde tivo lugar na Axencia de Lectura Municipal de Areas (Ponteareas) a actividade titulada Maxía Cómica realizada pola Contacontos Leo Leiño.
Unha actuación pensada para todos os públicos e especialmente para os nenos. Trátase dunha actividade divertida e sorprendente, relacionada coa lectura, unindo o argumento dos libros cos xogos.
Leo consigue a participación e implicación dos rapaces, xa que participan na execución dos trucos, rinse e por veces están como hipnotizados mentras dura a función. Os máis pequenos fascinaban cando a corda voaba soa, cando o can cambiaba de cor, e cando consigue que ata os libros boten lume… pero ao principio nunca saen os trucos polo que necesita dos nenos para que funcionen dicindo unhas palabras.
Leo fai múltiples referencias ás lecturas. Finalmente, foi un espectáculo moi divertido, mezclando o humor e a maxia.
O día 20 de maio, co gallo das Letras Galegas, no CPI Pontecarreira realizouse o obradoiro “O lapis máxico”, que busca que os nenos e nenas participantes tomen contacto con todos os aspectos dunha representación teatral: guión, interpretación, iluminación, banda sonora…
O obxectivo é que aprendan a traballar en equipo e poidan desenvolver as súas habilidades artísticas.


Séguenos